A Deputación fai entrega dos IV Premios ‘Luísa Villalta’ aos oito proxectos pola igualdade premiados en 2024

A área de igualdade repartiu 100.000 euros entre os oito proxectos, de múltiples disciplinas artísticas, que recibiron un importe de 12.500 euros cada un
A Deputación fai entrega dos IV Premios ‘Luísa Villalta’ aos oito proxectos pola igualdade premiados en 2024

A área de igualdade da Deputación fixo hoxe entrega dos galardóns aos 8 gañadores do VI Premio ‘Luísa Villalta’ a proxectos pola igualdade. As propostas seleccionadas, de múltiples disciplinas artísticas que van das artes escénicas ao cinema, a historiografía, a promoción da lectura ou a fotografía, recibiron un importe de 12.500 euros para o seu desenvolvemento.

 

Durante o acto de hoxe, obtiveron ademais como recoñecemento unha fotografía de Xurxo Gómez Chao, “unha peza que se titula ‘Isto’, que é un verso dun poema de Luísa Villalta, creada no 2017 para os actos de homenaxe a Luísa organizados pola asociación Alexandre Bóveda”, explicou o autor. “Fala do reverso das rúas, das habitacións e das casas, da cidade olvidada e instantes, presenzas, da vida e da morte, da música, da identidade e do achado”, engadiu.

 

A deputada, Soledad Agra, presentou as entidades e persoas gañadoras e agradeceu ao xurado, formado polo sociólogo Adrián Gonçalves e a profesora universitaria Ana Belén García Freijeiro, “o difícil traballo de selección”. Agra explicou o obxectivo desta iniciativa: “como Luísa Villalta, nós ‘queremos ir formando parte’ do compromiso social coa consecución dunha sociedade máis xusta, libre, igualitaria e democrática, por iso apoiamos proxectos de sensibilización, transformación e divulgación que poñen en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres.”

 

Proxectos premiados

As persoas responsables das inciativas premiadas explicaron os seus traballos e agradeceron á Deputación o recoñecemento e o traballo a prol da igualdade.

 

‘O próximo baile, será comigo’, de Sabela Losada Cortizas; ‘Ofuscadas polo vicio da razón’, de Yarama África; ‘Non calarás’, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; ‘Altas luces’, de Illa Bufarda; ‘ A historia vaxenial’, de Artyc Content; ‘Punto en boca. Costura e teatro’, de Raquel García Crespo; ‘As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada’, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e  ‘A clase’, de Mala Herba Producións son os proxectos premiados en 2024, cuxos responsables recolleron esta mañá o galardón da man da deputada de igualdade, Soledad Agra. 

 

  • O próximo baile, será comigo’, de Sabela Losada Cortizas. É un proxecto audiovisual innovador de acción-creación-investigación, que traballa sobre o apoio mutuo de vítimas de violencia machista a través dunha rede de testemuños de mulleres en contextos de violencia de xénero. Denuncia a falta de apoio social e institucional ás vítimas. Proxecto con gran impacto social e territorial, en coordinación co tecido asociativo e empresarial, que destaca pola súa transferibilidade. Recolle medidas específicas de accesibilidade universal.
  • ‘Ofuscadas polo vicio da razón’, de Yarama África. O proxecto ten por obxecto crear un espazo seguro de encontro e expresión artística para mulleres migrantes e refuxiadas na provincia da Coruña en coordinación co ámbito cultural. Inspírase na propia obra de Luísa Villalta. Ten previsto realizar distintas actividades de lectura, escritura, eventos artísticos, etc. É un proxecto cun alto potencial de replicabilidade, xa que a súa metodoloxía é facilmente adaptable a outros contextos.
  • ‘Non calarás’, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña. É un proxecto historiográfico de recuperación da memoria das mulleres cunha clara perspectiva feminista, que abarca diversos ámbitos de traballo (investigación, divulgación, exposición, publicación e rutas). Céntrase na cidade da Coruña, sendo un proxecto inspirador para outras vilas e cidades do territorio. Destaca a coordinación co tecido asociativo e educativo.
  • ‘Altas Luces’, de Illa Bufarda. O proxecto contribúe á creación dunha historia da fotografía clásica galega diversa e plural. Ten unha clara vocación transformativa en busca dun cambio social que supere desigualdades, roles, crenzas, visibilizando as mulleres galegas fotógrafas ao longo da historia.
  • ‘A historia vaxenial’, de Artyc Content. É un proxecto teatral de Raquel Nogueira e Iván Marcos sobre a representación cultural do corpo das mulleres ao longo da historia e como esta dá lugar a unha profunda desigualdade de xénero. Emprega a narración e o diálogo co público de maneira empática como mecanismo de catarse conexión e reflexión colectiva.
  • ‘Punto en boca. Costura e teatro’, de Raquel García Crespo. É un proxecto de creación escénica e investigación que ten como base o oficio da costura como tradición, herdanza xeracional e medio de vida, e como tal, moi asentado nun territorio no que o oficio da costura marcou a vida de moitas mulleres da provincia. Utilizan o pasado e a tradición para entender a actualidade e mirar ao futuro. É un proxecto moi participado e colaborado por diferentes axentes do territorio e as propias protagonistas.
  • ‘As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada’, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O proxecto é a edición dun libro que reúne o legado das pioneiras do xornalismo galego e entrevistas con xornalistas, co obxectivo de rescatar, visibilizar e crear referentes. Ten capacidade de coordinación con entidades públicas de carácter educativo e alumnado. É moi interesante a posta en valor da contribución das xornalistas ao ámbito dos medios de comunicación.
  • ‘A clase’, de Mala Herba Producions. O proxecto consiste na produción e distribución dunha curtametraxe que aborda o abuso de poder e o acoso nas escolas de arte dramática. O contexto do ámbito educativo no que se centra é fundamental para visibilizar este problema entre a xente nova. A capacidade de transferencia deste proxecto baséase na abordaxe dunha problemática global, que afecta a mulleres de todo o mundo.

 

A Deputaciu00f3n fai entrega dos IV Premios u2018Luu00edsa Villaltau2019 aos 8 proxectos pola igualdade premiados en 2024
 

A Deputación fai entrega dos IV Premios ‘Luísa Villalta’ aos oito proxectos pola igualdade premiados en 2024

Te puede interesar