Estos son os catro proxectos que farán as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila e Laura Martínez Mateo son as persoas seleccionadas para as residencias na modalidade de literatura, e Carmen Marina Vidal Valiña para a de pensamento
Estos son os catro proxectos que farán as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento
Xurado Residencias Mariñán Literatura e Pensamento

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña son as persoas seleccionadas para participar nesta segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

 

Así o decidiu o xurado, composto pola poeta Yolanda Castaño, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sande, coa deputada de cultura Natividade González como presidenta e a xefa de sección de cultura Manuela Muñiz como secretaria, nunha xuntanza na que tamén estivo presente o comisario das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento, Roberto Abuín.

 

A deputada de cultura, Natividade González, valorou as propostas seleccionadas, “que abordan cuestións tan esenciais como, entre outras, a nosa identidade, a nosa memoria colectiva, a nosa historia contemporánea e a nosa contorna, dende o orgullo, o compromiso e a reflexión”. Ademais, lembrou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas de apoio aos procesos de creación, “dende as administracións públicas debemos apoiar aos creadores e creadoras non so nos resultados das súas obras, senon tamén durante a súa creación, ofrecéndolles ferramentas e recursos que lles permitan desenvolver os seus proxectos. Ese é o obxectivo destas Residencias”.

 

Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Carmen Marina Vidal Valiña desenvolverán os seus proxectos literarios e de pensamento no Pazo de Mariñán do 15 ao 26 de abril onde convivirán, ademais, cos artistas das Residencias Mariñán de Música, e tamén recibirán a visita de dúas figuras consagradas no mundo das letras e do pensamento como son a escritora Chus Pato e o poeta e escritor Ismael Ramos.

 

Propostas seleccionadas

Literatura

Francisco Rodríguez Casal – Do outro lado. Bebendo dun proceso creativo que integra a comunidade a través de testemuñas corais, “Do outro lado” é un proxecto de escrita de obra de teatro sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural galego a partir de acontecementos ocorridos na aldea do autor. O xurado salientou que está formulado dun xeito suxestivo, interesante e a liña artística resulta pontente.

 

Esperanza Mariño Davila – Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras. A proposta ensaística é de interese por afondar na faceta literaria e de tradución dunha figura clave na historia contemporánea de Galicia, Xosé Manuel Beiras.

 

Laura Martínez Mateo – A identidade agochada. Coa proposta deste poemario que demostra as diferentes vías de acceso á idea de identidade, o xurado quere incentivar a solidez do compromiso co que esta neofalante decidiu facer da cultura galega a súa propia.

 

Pensamento

Carmen Marina Vidal Valiña – Recuperando a memoria das “tolas” galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas. A partir do estudo das historias clínicas de mulleres no manicomio de Conxo, proponse a recuperación da memoria das “tolas galegas”. O xurado valorou a recuperación da memoria dun sector de mulleres excluídas, precisamente cando nos motivos da súa exclusión se deron nesgos de xénero tan encardinados nun momento histórico. A proposta é de oito interese e atópase en liña coa traxectoria da autora.

Estos son os catro proxectos que farán as Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento

Te puede interesar