Ilustrar as músicas da nosa terra para dar a recoñecer e divulgar as pioneiras deste arte

Ilustrar as músicas da nosa terra para  dar a recoñecer  e divulgar as  pioneiras deste arte
Iria Pedreira e Laura Romero, durante unha das presentacións de “Ferreñas & Rock and Roll”

Como unha “evolución natural” do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, así naceu “Ferreñas & Rock and Roll”, o libro ilustrado de Laura Romero e Iria Pedreira no que resumen, e divulgan, a vida de 30 mulleres músicas da nosa terra.

Romero, baixista de Zenzar dende o 2016, comezou a reivindicar a figura da muller na música a través das súas ilustracións, co proxecto Músicas Galegas Ilustradas. A Romero causoulle impresión a figura de Xosefa de Bastavales, “unha pandereiteira que vive en Brión e que foi de xira con Manu Chao no 97”, explica. Nese momento xusto xurdiulle unha curiosidade, “cantas Xosefas habería en Galicia?”.

 Así,. Romero comezou a investigar e preguntar por músicas que foran pioneiras durante o século XX. Así, no seu libro recolle historias de artistas como a propia Xosefa, Ana Kiro, Finita Gay, Ugia Pedreira, Pili Dios ou Susana Seivane, entre outras.

A principal fonte de documentación do proxecto é a lectura, “gústame moito ler sobre música”, pero tamén son unha fonte as propias artistas, xa que no libro non se incluíu ningunha que non dera permiso para poder saír e, se fixera falta, matizar algún dos seus datos biográficos, así que a documentación, poderíase dicir que conta con fontes de primeira man, porque “coa inmensa maioría puiden quedar en persoa con elas”, di Romero.

A de Xosefa “foi a primeira historia que coñecín”, di Romero, pero sinala que houbo outras que tamén chamaron a súa atención,  como a de Batuko Tabanka, un grupo de mulleres caboverdianas afincadas en Burela e que, tal e como explica Romero, levou unha sorpresa ao ver as similitudes entre a súa música e a música tradicional galega. “Elas non consideran que fan música tradicional de Cabo Verde, nin de aquí, pero é moi parecida”, conta.

Resposta e futuro

Conta Laura Romero que a resposta por parte do público está a ser moi boa e, incluso por parte das protagonistas que puideron acceder ela tamén. Destas respostas, destaca que din “o necesario que era, porque non hai un libro así, de feito, a maioría nunca apareceran nun libro sobre música”.

Indica que lles “gustaría, quizais un pouco máis adiante”, continuar con outra “publicación similar” a esta, pero, matiza entre risos que, primeiro, toca descansar. Romero indica que continuará con Músicas Galegas Ilustradas, “coma sempre, porque quedan moitas músicas das que falar”, aínda que espera que un día non sexa necesario.

Ilustrar as músicas da nosa terra para dar a recoñecer e divulgar as pioneiras deste arte

Te puede interesar