María López Sández ingresa como membro de número da Real Academia Galega este sábado en Lugo

María López Sández ingresa como membro de número da Real Academia Galega este sábado en Lugo
María López Sández

O Círculo das Artes de Lugo acollerá este sábado a sesión extraordinaria pública da Real Academia Galega na que María López Sández (1973) ingresará como membro de número da institución. A filóloga e escritora pronunciará na súa cidade natal o discurso titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Marilar Aleixandre. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. 

 

María López Sández ocupará a vacante producida en novembro de 2021 polo pasamento de Darío Xohán Cabana. Profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela e catedrática en excedencia do ensino secundario, a académica de número electa investiga no campo literatura galega e da sociolingüística, e tamén é autora de ficción literaria. A paisaxe na literatura galega é un eixe central da súa investigación dende os comezos. A este tema dedicoulle a tese de doutoramento de literatura comparada, na que se basea "Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio" (Galaxia, 2008),  obra merecedora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 e texto de referencia na relación da literatura galega co territorio. Como autora de ficción, conta tamén co Premio Repsol de Narrativa Breve (2012) por "A forma das nubes".

 

A rigorosidade e a multidisciplinariedade son dúas constantes na traxectoria de María López Sández. Licenciada en Filoloxía Galega, Hispánica e Inglesa, foi premio fin de carreira de Galicia e segundo premio nacional de Terminación de Estudos Universitarios de Filoloxía. Tras a tese que centrou en Rosalía de Castro, Otero Pedrayo e Ferrín, seguiu a afondar no estudo da descrición da paisaxe atendendo os imaxinarios rurais e urbanos en autores como Eduardo Blanco Amor e Carlos Casares e mais a análise semiótica da cartografía, subliñando a centralidade cultural do mapa de Domingo Fontán.

 

A filóloga participou ademais en proxectos que indagan na relación entre lugares da xeografía galega e a literatura a través das humanidades dixitais (compostelaxeoliteraria.org) e sobre Rosalía de Castro. Un dos últimos traballos que dedicou á autora fundacional das letras galegas contemporáneas é o herbario literario "Nasín cando as prantas nasen" (2022), un achegamento botánico á obra rosaliana asinado xunto a María Isabel Fraga Vila e Miguel Fraga Vila. A contribución completouse cun herbario físico que, tras dar lugar a unha exposición no Real Xardín Botánico de Madrid, foi cedido á Casa Museo Rosalía de Castro, de cuxo padroado é membro. A súa achega máis recente arredor de Rosalía é a publicación "Mordouelias, Rosalía e As Terras da Maía" (2023), na que repasa a relación entre a escritora e o val da Maía.

 

María López Sández é tamén coautora de "O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán" (2021), xunto a Marilar Aleixandre, e coordinadora da sección “O espello das letras” da revista Grial.


No campo da sociolingüística, ten realizado diversas contribucións dende o eido da educación. Coordinou o equipo de traballo da Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO (2020) e é coautora de "Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames", ambas as publicacións do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, do que é colaboradora.

 

Como docente e experta en didáctica da lingua e da literatura publicou libros e outros materiais didácticos e imparte ás futuras e aos futuros mestres materias de perfil sociolingüístico dende unha ollada cara á promoción do galego no ensino ao longo de todas as etapas.

 

Como creadora literaria, tras "A forma das nubes" (2012), gañadora do Premio Repsol de Narrativa Breve, publicou "O faro escuro" (2015), finalista do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; "A noite Deusa" (2020), finalista do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña; e "Illados. Diario da pandemia" (2020). 

María López Sández ingresa como membro de número da Real Academia Galega este sábado en Lugo

Te puede interesar