A Bandeira, no concello pontevedrés de Silleda, volve ser o escenario dunha nova edición do Murallón de Son, que esta fin de semana ofrecerá 11 concertos e sesións DJ nas inmediacións da Carballeira da Pomba. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu os representantes da organización do evento, que conta cunha das subvencións da Xunta de Galicia para a contratación de grupos galegos por parte de festivais de música.
De feito, as bandas da nosa Comunidade son maioría nesta terceira edición do Murallón de Son, que flutúa entre o rock, o punk e o rap. Así, mañá sábado actuarán Terbutalina, Rebeliom do Inframundo, Grande Amore, Brassica Rapa, Harry May e Señora DJ como parte dun cartel que inclúe tamén os grupos cataláns La Élite e Blowfuse. Esta primeira xornada pecharase con de-mo DJ, mentres que o domingo se celebrará unha sesión vermú orientada a un público multixeracional cos concertos de Chorima e Cé Orquestra Pantasma.
O responsable de Industrias Culturais reuniuse con José Antonio Rial e Pablo Rey, integrantes da Asociación Festibandeira, organizadora do festival silledense, aos que felicitou polo programa deste ano. Como en edicións anteriores, a oferta musical complétase cun mercado gastronómico, postos de artesanía e xogos populares para todas as idades a cargo do colectivo SororAs.
O encontro súmase por vez primeira á listaxe de festivais de música subvencionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que en 2024 destina máis de 320.000 euros a 11 eventos profesionais de diferentes estilos a través da convocatoria anual de axudas e dos patrocinios da marca FEST Galicia. Estas dúas liñas da Axencia Galega das Industrias Culturais forman parte da estratexia da Xunta para impulsar citas destacadas do calendario galego de festivais, desenvolvéndose de xeito coordinado co apoio de Turismo de Galicia a diferentes encontros de música ao vivo.