Se o día tivese 30 horas, a Xosé A. Touriñán seguirían sen chegarlle. O actor e humorista de Castelo (Culleredo) compaxina estes días a fin da xira do espectáculo teatral ‘Somos Criminais 3’ –xunto a Carlos Blanco– coa rodaxe da serie ‘Clanes’ (Vaca Films e Netflix) e vén de rematar as gravacións da película ‘+Cuñados’, entre outros proxectos.
Hai semanas que non quedan entradas para ‘Somos Criminais 3’. Abrumado?
Moi sorprendidos e agradecidos polo ben que está funcionando, esta realmente non é unha terceira parte, pero puxémoslle o tres porque segundas partes nunca foron boas (ri). Este espectáculo naceu na pandemia e estamos disfrutando moito, agora pechamos a xira na Coruña.
No espectáculo falan de estereotipos. Os galegos somos realmente como din os de fóra?
Temos algo diferente, até como criminais somos peculiares. Seguimos cos tópicos e facéndonos preguntas sobre como somos e por que somos así. Todo en clave de humor, demostrando que somos criminais no sentido bo da palabra, de que somos a hostia.
Carlos Blanco di de vostede que é capaz de solventar calquera problema con humor.
Eu só podo falar marabillas del porque é un referente, un dos grandes da interpretación e da comedia deste país. Xa era un regalo para min traballar con el, pero entendémonos moi ben fóra das táboas.
Blanco sae na súa curta, ‘Nena’.
Na pandemia todos quixemos facer cousas que nunca fixeramos e a min deume por aí. Tiven a sorte de que Agadic nos concedese unha axuda e foi un pouco á aventura e porque tiña ganas, como todo o que fago. Tiñan que estar os amigos e por iso están Carlos, David [Perdomo], Jairo, a xente de UnDoDez, Ainé... e a miña familia: Patricia, Antía, Andrés. É por aforrar, que eles veñen gratis.
A súa filla segue a senda do pai?
Gústalle e é moito máis profesional que min (risas), é máis seria e sabe o guion antes que ninguén, ademais non se lle sobe nada á cabeza. É unha fenómena.
Roda ‘Clanes’ estes días e vén de gravar ‘+Cuñados’. Cando para?
Durmo pouco pero estou disfrutando tanto que non podo queixarme. Píllasme chegando de rodar en Cambados e pararei na casa o xusto para desfacer a bolsa e cambiar os calzoncillos, coma quen di. Teño moita sorte porque son proxectos con amigos e non o digo por dicir.
Duns anos cara aquí coñecemos ao Touri actor, non só o cómico.
Cando traballo para cousas de fóra de Galicia hai unha concepción de Touriñán completamente distinta á de aquí. Víronme en ‘Fariña’ ou noutras cousas e non lles pego facendo comedia.
Seguen preguntándolle se vai volver a ‘Land Rober’?
Sempre, iso non se acaba nunca. Eu encantado de que me boten de menos, paseino que te cagas nesa época.
A pregunta total: O Depor que?
Iso é o peor de todo! O outro día estaba en Ourense cunha función, máis nervioso que dios e sen poder estar coa xente. É precioso ver a unha cidade unida e con ese sentimento de pertenza, estamos onde estamos pero cousas como estas sorprenden por aí adiante. O da afección do Depor si que é criminal. Non podo ir a Castellón pero como pasemos vou onde faga falta.