A Xunta presenta un dicionario galego-italiano en liña co gallo do día europeo das linguas

A Xunta presenta un dicionario galego-italiano en liña co gallo do día europeo das linguas
O dicionario suporá unha nova ferramenta / AEC

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do Dicionario galego-italiano Galita, o primeiro dicionario bilingüe en liña que permite a conversión directa entre estas dúas linguas románicas impulsado desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, órgano dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

 

Un proxecto pioneiro dentro da lexicografía contrastiva que, baixo a dirección da catedrática emérita da Universidade de Santiago de Compostela Isabel González, “facilita a difusión do galego máis aló das súas fronteiras como canle divulgadora da nosa cultura e da nosa fala”, sinalou Valentín García.

 

No acto de presentación, que tivo lugar no Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro, tamén participaron a propia Isabel González, Armando Requeixo, secretario do dito centro e, a través de videoconferencia, Manuel González González, coordinador científico do Ramón Piñeiro.

 

Tradución directa do galego ao italiano

O Dicionario galego-italiano GALITA é o segundo volume do Dicionario italiano-galego, elaborado en formato papel polo Centro Ramón Piñeiro no ano 2000 con preto de 15.000 palabras e que agora pode descargarse desde a páxina web do centro investigador en formato PDF. Este segundo volume, cun lemario de 20.000 entradas e dispoñible desde hoxe na páxina web do Centro Ramón Piñeiro, aparece agora no formato en liña para acadar unha maior divulgación e mellorar as buscas, proporcionando unha ferramenta axeitada para un público o máis amplo posible grazas á difusión que a información acada a través de internet.


Ambos os dous dicionarios forman parte do programa de investigación IGALEX, que baixo a dirección e coordinación de Isabel González, abrangue outros proxectos de orientación lexicográfica, como vocabularios de linguas de especialidade que poñen en contacto o galego e o italiano en sectores concretos tales como o turismo ou as belas artes.

 

Ao mesmo tempo, IGALEX realiza tarefas de asesoramento lingüístico para institucións e empresas do ámbito galego e contribúe á formación de estudantes de grao e mestrado desde a perspectiva da lingüística e lexicografía italogalegas.

 

Día Europeo das Linguas

Esta presentación enmárcase na programación do Goberno galego para o Día Europeo das Linguas, celebrado cada 26 de setembro desde o ano 2001. Unha efeméride que lembra a importancia e mais a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultura e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.

 

Neste senso, a Xunta prepara para mañá un recitado multilingüe que terá lugar ás 20,00 horas nos soportais do Museo das Peregrinacións, onde un grupo de estudantes do instituto IES Arcebisbo Xelmírez I lerán poemas en distintos idiomas europeos e os traducirán ao galego.
 

A Xunta presenta un dicionario galego-italiano en liña co gallo do día europeo das linguas

Te puede interesar