Cada persoa que compre un libro en galego recibirá como regalo un exemplar de 'Celebramos Rosalía', unha selección de textos de Rosalía de Castro para celebrar o Día da autora de 'Follas Novas'.
Como cada ano, a Xunta conmemorará o Día de Rosalía o próximo 23 de febreiro colaborando cunha ampla programación cultural e gastronómica entre a que se inclúe, como novidade, unha campaña de promoción do libro en galego pola que se repartirán 20.000 exemplares de 'Celebramos Rosalía'.
Así o avanzou este luns en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que saudou esta nova iniciativa “coa que -dixo- non só celebramos e enxalzamos a figura de Rosalía, referente para todas e todos os galegos, senón que chamamos á sociedade para ler na lingua propia, algo no que Rosalía foi precursora no seu tempo”.
Desta forma, cada persoa que compre un libro en galego entre o 6 de febreiro e o 3 de marzo recibirá como regalo un exemplar da citada selección de textos rosalianos realizada por Anxo Angueira, filólogo e escritor e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Os actos oficiais para o día 23 estarán repartidos como é habitual entre Santiago e Padrón, lugares de nacemento e falecemento da homenaxeada, respectivamente.
A celebración comezará ás 10:00 horas coa lectura de poemas por parte do alumnado dos institutos IES Camilo José Cela e IES Macías 'O Namorado' diante da Estatua de Rosalía, en Padrón.
De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11:00 horas haberá alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía hai case 187 anos.
O acto central do día terá lugar ás 12:00 horas no Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, onde se realizará unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus; a cantante Faia, integrante de De Vacas, e o alumnado da Escola de Música de Santiago.
Xa pola tarde, a Casa de Rosalía volverá acoller unha nova edición do Caldo de Gloria da man de Suso, responsable do restaurante compostelán 'O Dezaseis', e a cantante Uxía, que ofrecerán a súa versión da famosa receita de Rosalía aos presentes.
Ademais, ao Caldo de Gloria xa se sumaron numerosos hostaleiros e comedores escolares, así como concellos e empresas de toda a xeografía galega. Para iso, a Xunta, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, repartiu 60.000 manteis de papel co poema que inspirou esta iniciativa, "Miña casiña, meu lar", no que a poeta explica como facer un caldo humilde.
O broche final a un día de celebracións poñerao a cantante galega Faia cunha actuación no auditorio de Casa-Museo ás 20:00 horas.