A Xunta de Galicia reunirá no CGAC a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración de Novos Imaxinarios, a nova mostra do museo compostelán comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente.
Como parte da programación da exposición, o Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá desde as 10,30 horas do sábado, un acto de conversas no que, moderados por Pela del Álamo, Alberte Pagán e os propios comisarios da mostra, participan os artistas Isaki Lacuesta, que representará a España na carreira polos Oscar co seu filme Segundo Premio, ou Oliver Laxe, multipremiado director pola largometraxe O que arde no Festival de Cannes e no Festival Internacional Mar del Plata en 2019 e, no ano 2020, cos premios Goya e Feroz.
A estas charlas tamén asistirá o galego Lois Patiño, que conta co premio Mestre Mateo ó mellor documental por Costa da Morte e foi recoñecido no Festival Internacional de Cinema de Berlín con filme Samsara e tomarán a palabra as portuguesas, Salomé Lamas e Susana de Sousa Dias, e os produtores recoñecidos polo seu traballo conxunto en certames como Venecia, San Sebastián, Rotterda, ou Toulusse pola obra Eles transportan a morte, Helena Girón e Samuel Delgado.
Ata o 12 de xaneiro
A mostra Novos Imaxinarios será inaugurada o venres polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos e poderá verse ata o 12 de xaneiro. Durante esta xornada, ás 19,00 horas, os comisarios acompañados polo director do museo, Santiago Olmo, presentarán a exposición.
As salas do museo da capital galega acollerán unha reflexión sobre o cinema máis alá da pantalla, onde conflúen as prácticas cinematográficas e os espazos artísticos a partir da selección da obra de recoñecidos artistas do cinema contemporáneo. A carón desta exposición tamén haberá unha serie de actividades paralelas como proxeccións, xornadas de investigación, conferencias ou mesas redondas.