XXXIV edición dos cursos de lingua e cultura galegas: Galego sen fronteiras

XXXIV edición dos cursos de lingua e cultura galegas: Galego sen fronteiras

A convocatoria dos XXXV Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia “Galego sen fronteiras” xa está en marcha. A preinscrición pode realizarse ata o 4 de abril a través do blog dos cursos, que volverán reunir o vindeiro mes de xullo en Santiago de Compostela estudantes de todo o mundo.

 

A Real Academia Galega coorganiza dende 1988 esta cita da man do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. A trixésimo quinta edición terá lugar do 3 ao 24 de xullo, baixo a dirección da académica de número María López-Sández, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC, e a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja, como secretaria académica.

 

O programa, apoiado economicamente pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, organízase en distintos niveis e concíbese como unha experiencia plena de inmersión na lingua e na sociedade galegas. Ademais de asistir a aulas teóricas e prácticas, o alumnado ten a oportunidade de escoitar profesionais de prestixio de distintos campos que desenvolven o seu labor en galego.

 

Moitos dos antigos estudantes dos Cursos Galego sen fronteiras son hoxe embaixadores da lingua e da cultura galegas: ensinan o noso idioma en universidades de todo o mundo, verten ás súas linguas obras das letras galegas e como investigadores e investigadoras realizan contribucións académicas ao campo dos estudos galegos dende olladas enormemente enriquecedoras.

 

Entre outras persoas, ao longo desta décadas pasaron polas súas aulas figuras como a poeta e tradutora Erin Moure; Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich e académico correspondente; Maria Boguszewicz, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia; Rob Boland, catedrático da Universidade de Sydney; José Alberto Fuentes, director de produción d'O corno; ou Anik Nandi, director do Centro de Lingua e Comunicación Intercultural Universidade de Woxsen, o primeiro centro de estudos galegos en Asia.

 

Os Cursos de verán foron recoñecidos no ano 2023 cos Premios da Cultura Galega na modalidade de proxección exterior polo seu labor de promoción internacional.

 

XXXIV edición dos cursos de lingua e cultura galegas: Galego sen fronteiras

Te puede interesar