O PP repetiu como a forza máis votada en Curtis nestes comicios e Javier Caínzos revalidou a súa maioría absoluta cun 71,92% dos apoios, unha “confianza masiva” que agradece. Co alcalde estarán outros sete edís populares na corporación, mentres que o BNG acada tres –o 26,65% das papeletas–, os mesmos que antes ocupaban as Asembleas Abertas de Curtis.
Logrou máis do 70% dos votos de Curtis. Como se sente?
Moi satisfeitos, traballamos coa mesma ilusión coa que empezamos isto no 99. Fixemos campañas moi próximas e temos un proxecto moi claro, con once áreas específicas, que quedou consolidado tras estes resultados. Comprobamos que a xente quedou contenta coa nosa xestión a pesar de que este mandato foi o da pandemia e da crise económica. Como para non estar felices!
Sobre que piares se asentará o seu novo mandato?
Garantía e estabilidade. Temos un proxecto político moi amplio que vai ser materialmente imposible executar en catro anos, é un programa moi ambicioso. Boa planificación e gobernar en colaboración cos veciños, é algo fundamental. A través de asembleas e xuntanzas daremos resposta ás súas demandas.
Algunha actuación en concreto?
Seguir ampliando a rede de saneamento e abastecemento en todo o concello, algo que no vindeiro ano vai ser realidade en moitas zonas con alta demanda deste servizo; desarrollar e promocionar o solo industrial, algo que para nós é prioritario; e tamén levar a cabo un plan de turismo que incida especialmente no comercio e na hostalería para apoiar a dous sectores que requiren toda a nosa axuda despois de soportar sucesivas crises.
Como valora a entrada na corporación do BNG?
No seu momento edís do BNG pasaron a ser de Asembleas Abertas, nunha estratexia política para ver se acadaban mellores resultados, pero o tempo amosou que os resultados son os mesmos. En catro anos sacamos adiante con unanimidade máis do 70% das propostas levadas ao pleno, así que a nosa vontade é seguir chegando a acordos, é a nosa obriga priorizar aos cidadáns e non andar en liortas.
Lucas Quintas |