A cuarta edición de Biocultura, feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos inaugurada hoxe en ExpoCoruña, refoza o posicionamento da Coruña como “referente en turismo sostible”. Así o expresou o concelleiro de Turismo e presidente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Juan Ignacio Borrego, no acto de inauguración, que contou con numerosos asistentes neste primeiro día e nun espazo que reúne máis de 120 expositores. A feira, que conta co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade, terá lugar esta fin de semana, ata o domingo, con expositores para comida, estética, ecoturismo, artesanía, benestar e moda sostible. Agárdanse máis de 11.000 visitantes. O Goberno de Inés Rey aposta pola sostibilidade, dixitalización, cultura e turismo MICE como pilares fundamentais da estratexia turística, como confirmou a alcaldesa recentemente en Fitur.
“Colaboramos con moita honra como cidade anfitrioa dun evento referente en turismo sostible, unha feira anual, coa que se xa se está a ver o compromiso da cidade pola sostenibilidade”, comentou Borrego, que añadiu que se trata da principal feira europea neste ámbito “en produción ecolóxica, medio ambiente, calidade de vida e consumo responsable”.
Nun percorrido polos expositores dos produtos que forman parte da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Borrego expresou que dende Turismo promociónanse os produtos da Reserva da Biosfera. “E nese camiño seguiremos camiñando. Biocultura é un magnífico escaparate para poñer en valor os produtos de primeira calidade, o valor do cercano”, expresou Borrego, acompañado polo xerente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Moisés Jorge Naranjo, e demais autoridades, que lembrou o Plan de sostibilidade turística de destino, que xa está en marcha.
Durante os días de Biocultura haberá en ExpoCoruña máis de 120 actividades, como showcookings ou o espazo Mamaterra, destinado aos máis pequenos. Chefs e produtores ecolóxicos realizarán presentacións e degustacións. Haberá tamén espazo para a “ecoestética”, con xornadas formativas e obradoiros. No marco de Biocultura terá lugar o Festival Internacional Yoga Noroeste.