A portavoz nacional, Ana Pontón, tachou o discurso de Fin de Ano do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de "escapista e fóra da realidade", "propio de quen non ten proxecto nin confianza en Galicia".
Un discurso, asegura, que "queda desmentido" polos feitos dun Partido Popular que "en plena crise, goberna para unha minoría de privilexiados, mentres ignora o sufrimento da maioría de galegos, que o están pasando mal".
Como exemplo do que cualificou como "escapismo da realidade", a líder nacionalista cita o "empeño" de Rueda por "esconder a deterioración dos servizos públicos, moi especialmente da sanidade".
"O que necesita a sanidade pública non son boas palabras en fin de ano, senón máis medios, máis profesionais e acabar con trece anos de recortes dun Partido Popular convertido nun perigo para a saúde dos galegos", afirmou.
Nesta liña, sinala Pontón que "o que non menciona Rueda no seu discurso" son as listas de espera en atención primaria, os PACs sen persoal médico; os miles de nenos sen pediatra asignado; ou as condicións "de precariedade" instaladas na sanidade pública.
Pontón considera unha "falta de respecto á intelixencia dos mozos" que o presidente da Xunta diga que vai mellorar as políticas de vivenda, "após dinamitar a vivenda pública, impedindo unha oferta con prezos que a mocidade poida pagar, por iso Galicia está á cola da emancipación".
Tamén cualificou de "broma de mal gusto" que anuncie que mellorará o emprego xuvenil, "despois de que máis de 200.000 mozos tivesen que coller as maletas ante a falta de traballo en Galicia".
"Os feitos e non os discursos son os que definen a un Goberno", asevera, apuntando que o Goberno de Rueda é o do "pelotazo fiscal que lle regala 34 millóns de euros ás 7.700 persoas con máis patrimonio, mentres suprime o cartón básico de alimentos ás familias".
"Gobernar para unha minoría, gobernar para as eléctricas non é defender Galicia, nin é defender ás Pemes nin é defender aos autónomos que teñen que sacar adiante os seus negocios, nin é defender á clase traballadora e ás familias que o están pasando mal coa escaldada de prezos", criticou Pontón.
"SUBMISIÓN AO PP DE MADRID"
Doutra banda, asevera Ana Pontón que o discurso de Rueda mostra a un presidente "sumiso á estratexia que lle marca o PP de Madrid, incapaz de defender os intereses de Galicia ante o Goberno do Estado, por iso non logrou financiamento para ningún proxecto estratéxico".
"Con esta mensaxe de fin de ano, o xefe do Executivo galego demostra que non confía no potencial do país, dos seus sectores produtivos e practicamente reduce o tecido económico de Galicia ao Xacobeo, pero Galicia é moito máis: é agro, pesca, industria, e ciencia e innovación", remarca a portavoz nacionalista.
Por último, Pontón botou de menos algunha referencia á loita contra a violencia machista, "nuns días que están a ser especialmente negros para as mulleres".
"Temos que facer todo o posible e máis para garantir o dereito das mulleres a vivir sen medo, libres e iguais", defendeu.