Ana Pontón | “Hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para unha Galiza mellor”

Ana Pontón | “Hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para unha Galiza mellor”
A portavoz nacional do BNG e candidata á Xunta, Ana Pontón

Lucía Crujeiras / Jorge Riveiro

 

Ana Pontón (1977), portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, é a única candidata á Presidencia da Xunta que repite nas eleccións do 18 de febreiro como aspirante a liderar San Caetano e esta vez faino cun obxectivo claro: convertirse na primeira muller presidenta de Galicia. Un reto para o que pide concentrar o voto “do cambio” nun escenario no que as enquisas electorais lle son favorables.

 

Son as terceiras eleccións ás que se presenta como candidata. Confía no dito popular de que “á terceira vai a vencida”? 
Estamos diante das eleccións máis abertas dos últimos tempos e hai unha maioría social que quere cambio. A todas esas persoas que queren o cambio, sen importar o que votaran noutras ocasións, quero dicirlles que hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e que todas son necesarias para poñer en marcha unha Galiza mellor. Por iso pido unha gran mobilización e concentrar ese voto no BNG.

Para chegar á presidencia é probable que teña que pactar con outras formacións. Como aborda as conversas co resto da esquerda? 
Son os galegos e as galegos os que decidirán co seu voto a responsabilidade de cada quen. En todo caso, para min será unha honra presidir o goberno que saia das urnas o 18 de febreiro.

 

Os candidatos alternativos no espazo da esquerda son José Ramón Gómez Besteiro e Marta Lois. Como é o trato con eles? Vese compartindo goberno coas súas formacións durante catro anos? 
Manteño cos dous unha relación cordial. Humildemente, eu aspiro a ser a próxima presidenta. 


A experiencia do bipartito na Xunta e ter un deputado a nivel estatal apoiando habitualmente as medidas do Executivo central pode axudar á tarefa de gobernar? 
O BNG ten un proxecto serio e rigoroso de goberno para este país. Sabemos gobernar, sabemos xestionar e sabemos transformar en positivo a vida das persoas, e demostrámolo todos os días nos nosos gobernos municipais, que son exemplo de gobernos de calidade. Vémolo en Pontevedra, en Allariz, en Carballo, en Tomiño... e en tantos outros concellos do país. Temos o rumbo claro, sabemos o que queremos e estamos preparadas para darlle a Galiza o mellor goberno da súa historia.

 

En contraste, teme as consecuencias dunha posible fragmentación do voto de esquerdas o 18-F? 
O 18-F os galegos e as galegas teñen que escoller entre dúas alternativas: ou un goberno do PP con Rueda, o mesmo que nos deixa unha Galiza peor da que encontrou, ou abrir un tempo novo da man do BNG, cunha presidenta coas mans libres para defender os intereses deste país e poñer en marcha a mellor Galiza. Estou segura de que o cambio é imparable se toda esa xente que o quere se mobiliza e enche as urnas de papeletas BNG desde a ilusión, a esperanza e a confianza no país.

 

Que pode ofrecerlle o BNG aos cidadáns que non se consideran nacionalistas? 
Hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias. O que lle pido á cidadanía é a súa confianza porque, humildemente, creo que a Galiza vaille ir mellor cunha presidenta do BNG. O que pido é que me dean a oportunidade de demostrar que podemos facelo mellor.

 

Cales diría que son os principais retos que aborda Galicia cara a próxima lexislatura? 
O gran reto que temos por diante é impulsar a maior transformación e o maior avance do noso país en 40 anos. No BNG adquirimos coa cidadanía dez grandes compromisos, a comezar polo reforzo dos servizos públicos e por poñer Galiza a producir e xerar emprego de calidade, apostando pola ciencia e a innovación como eixo de desenvolvemento económico. Todo coa determinación de avanzar cara a unha sociedade máis xusta e feminista.

 

Se logra entrar no goberno, que liñas de actuación priorizaría por enriba dos demais? 
A nosa intención é aprobar de xeito urxente un plan de rescate da Atención Primaria dotado con 200 millóns de euros, a gratuidade dos libros de texto, para que entre xa en vigor no curso 2024-2025, e duplicar a axuda no fogar para que as persoas maiores poidan ter nas súas casas a atención que necesitan para vivir unha vellez tranquila.

 

Como influiría un goberno do Bloque en asuntos xa pactados en Madrid como a transferencia da AP-9 e a A-53 ou a implantación dunha rede de cercanías? 
Vou ser unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e as galegas. Ninguén me vai dar ordes desde Madrid nin desde ningún consello de administración á hora de defender a axenda galega ante o Estado. Iso inclúe tamén todo o relacionado coas infraestruturas que o país necesita.

 

O BNG contempla a creación dunha empresa pública galega e unha tarifa diferencial. Como se concretarían estas iniciativas? 
Galiza é unha potencia eléctrica, pero non obtemos ningún beneficio. O modelo enerxético que propón o BNG consiste en que esa riqueza beneficie ás familias, á clase traballadora e ás nosas empresas. Voulle poñer un exemplo: en Galiza temos 4.000 muíños, a nosa industria vai a menos e perdemos miles de empregos na industria nos últimos quince anos. Madrid ten cero muíños, mais a súa industria non deixa de medrar. Polo tanto, temos que facer que a enerxía reverta en beneficio do país e non das contas de resultados das grandes multinacionais eléctricas.

 

Outra campaña máis e Alcoa, e por extensión a industria galega, continúa a ser unha parte importante do seu discurso. Que solucións propón o BNG? 
Na cuestión de Alcoa quero ser moi clara. Se teño a responsabilidade de ser a presidenta de Galiza vou impulsar a intervención pública man a man co Goberno do Estado, porque é a única alternativa real para garantir a produción e os postos de traballo na Mariña. O que nos deixa o PP é un retroceso absoluto do noso sector industrial, que perdeu nos últimos quince anos máis de 27.000 postos de traballo. O BNG ten entre as súas propostas un plan de reindustrialización para crear 12.000 postos de traballo nunha aposta decidida pola ciencia e o coñecemento. Pero volvendo a Alcoa... O Estado español acaba de decidir unha intervención en Telefónica. Por que Telefónica si e Alcoa non?

 

No seu programa promete un plan de adquisición de 12.000 vivendas baleiras para alugueiro social. Que estratexias propón o Bloque para a súa identificación e adquisición, tendo en conta que o Goberno xa se comprometeu a mobilizar máis dun millar da Sareb en Galicia?  
Hoxe en día, acceder a unha vivenda é misión imposible para miles de galegos e de galegas, especialmente para a xente moza. O PP dinamitou a política social de vivenda e ao longo destes quince anos non puxo practicamente ningunha vivenda con prezo taxado a disposición da xente deste país. A nosa proposta é aumentar en 12.000 o parque público cunha compra masiva de vivenda baleira. Neste país temos 500.000 vivendas baleiras, 90.000 nas cidades e imos facer unha adquisición para poñelas en aluguer a prezos limitados.   


Todos os partidos progresistas coinciden nunha reforma da Atención Primaria. En que se diferencian as propostas do Bloque Nacionalista Galego? 
Durante os últimos 15 anos o PP levou a cabo unha voadura programada da sanidade pública, cun obxectivo claro: facilitarlle o negocio á sanidade privada. No BNG imos facer todo o contrario: reforzar a sanidade pública, especialmente a Atención Primaria, que sufriu un recortazo de 2.139 millóns de euros nos últimos 15 anos. Por iso hoxe temos a extravagancia de listas de espera para ver ao médico ou médica de cabeceira de até quince días. 
Que quero facer? Aprobar un plan de rescate de 200 millóns de euros para sacar do colapso a Atención Primaria e dotar aos centros de saúde de novos servicios, por exemplo, de psicoloxía clínica, porque o 30% das consultas corresponden a cuestións relacionadas coa saúde mental, e hai que atendela.

 

“Síntome moi orgullosa da miña orixe e moi afortunada de terme criado nunha aldea”

A candidata e portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego explica que entrou en política porque lle parecía “a mellor ferramenta para mellorar a vida da xente”. Ten como referente á súa avoa e cústalle definirse a si mesma, pero cre que a “templanza” é a súa mellor cualidade. 


“O meu compromiso é dar o mellor de min para poñer en marcha unha Galiza mellor con todas e todos”, asegura a líder nacionalista, que escollería a canción ‘Fábrica de Luz’, da Banda da Loba, para definir estas eleccións autonómicas que se celebrarán o 18 de febreiro.

 

Como afronta unha candidata nacida nunha aldea como é Chorente os problemas do rural, como o despoboamento, envellecemento, falta de servizos...? 
Eu síntome moi orgullosa da miña orixe e moi afortunada de terme criado nunha aldea. Fronte ao abandono do PP, nós queremos un rural vivo, cunha política de discriminación positiva nos servizos públicos, reforzando a sanidade, a educación e a atención aos nosos maiores, pero tamén o transporte público e as infraestruturas tanto ferroviarias como por estrada. E, en paralelo, recuperar a capacidade produtiva do rural. Poremos en marcha outras iniciativas, como o programa Do Rural á Mesa, de compra pública de alimentos de proximidade para fornecer aos comedores escolares, hospitalarios, administrativos ou de centros sociais. 


Temos que impulsar as actividades non agrarias, xerando espazos rurais atractivos para recuperar e fixar poboación, con iniciativas como un ticket rural, dotado con 15.000 euros anuais durante cinco anos, para apoiar proxectos innovadores que non estean directamente relacionados co sector agrogandeiro.


Vivimos nuns intres nos que a cuestión territorial cobrou moita relevancia na axenda nacional. Cal é o modelo político que quere o BNG para Galicia? 

En quince anos o Goberno do PP non conseguiu nin unha soa competencia para Galiza, mentres que Cataluña conseguiu catorce; Andalucía, once; e Euskadi, 26. É dicir, mentres outros territorios avanzan, Galiza estase quedando atrás, porque máis competencias significa ter máis ferramentas para mellorar a vida dos galegos e as galegas decidindo nós sobre o noso. Por iso o primeiro que defenderei será acadar todas as competencias pendentes do Estatuto. Non imos permitir que Galiza quede nin un milímetro por detrás de Euskadi e de Cataluña, porque non somos máis que ninguén, pero tampouco menos.

 

O BNG é un partido de ámbito autonómico sen sede en Madrid. Por que inciden na liberdade que lle otorga esta característica? 
O BNG é unha forza política de máis de 40 anos de historia que ten a súa cabeza e corazón en Galiza e na que só nos debemos aos galegos e ás galegas, fronte ás forzas estatais que sempre están mirando ou para Génova ou Ferraz.

 

Outra mensaxe que deixa en campaña é que aspira a ser a primeira presidenta de Galicia. Por que é relevante que unha muller lidere a Xunta? 
Se queremos resultados diferentes, non podemos seguir facendo o mesmo. Ao longo dos 43 anos de democracia, Galiza tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas políticas estatais e creo que non lograron colocar ao noso país no lugar que lle corresponde. Humildemente, penso que a Galiza vaille ir mellor cunha presidenta do BNG. O que pido aos galegos e ás galegas é que me dean a oportunidade de demostrar que podemos facelo mellor. 

Ana Pontón | “Hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para unha Galiza mellor”

Te puede interesar