Con cada grupo por separado e con Santalices: así propón a Xunta a xornada do pacto polo galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reunirase por separado cos grupos parlamentarios o xoves da próxima semana, día 24 de outubro, co obxectivo de abrir un proceso de diálogo e buscar consensos para impulsar o uso do galego
Con cada grupo por separado e con Santalices: así propón a Xunta a xornada do pacto polo galego
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Jose López Campos | EFE/ Salvador Sas

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reunirase por separado cos grupos parlamentarios o xoves da próxima semana, día 24 de outubro, co obxectivo de abrir un proceso de diálogo e buscar consensos para impulsar o uso do galego.

 

Segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press, os encontros terán lugar por separado e, ademais, o conselleiro reunirase co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para abordar as liñas estratéxicas a pór en marcha no ámbito da lingua.

 

López Campos avanzou a pasada semana a súa intención de convocar aos diferentes grupos parlamentarios para abordar a situación do galego e as liñas nas que traballar, todo iso antes de que se coñecesen os datos publicados o pasado venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que certifican que a poboación que sempre fala castelán é xa maioritaria e que un terzo de nenos de máis de 5 anos saben falar "pouco ou nada" na lingua cooficial.

 

Preguntado polo encontro, o viceportavoz parlamentario do BNG Luís Bará confirmou que a súa formación acudirá a esta chamada "coa vontade de achegar ideas" e "esixir" á Xunta que "corrixa" as decisións políticas que "levaron" ao retroceso no uso e coñecemento da lingua galega que apunta a enquisa publicada recentemente polo Instituto Galego de Estatística.

 

Para o deputado frontista, o "desastre" que vive a lingua propia de Galicia "pode frearse" se o Goberno autonómico, como administración responsable "principal", adopta medidas.

 

Pola súa banda, fontes do PSdeG sinalaron que acudirán á cita coa "man aberta para recuperar o consenso roto polo PP" e "volver ao momento previo ao Decreto do Plurilingüismo". Todo iso, co ánimo de pór propostas encima de mesa para "frear a despatrimonialización da lingua".

 

"Temos que evitar os efectos negativos para a lingua que provocaron 15 anos de xestión gallegofóbica desde o Goberno galego, cunha importantísima perda de patrimonio lingüístico, como quedou evidenciado nos últimos datos do IGE, que sinalan que por primeira vez o uso do castelán supera ao do galego, cuns índices especialmente preocupantes pola caída do uso entre a mocidade.

 

Neste sentido, os socialistas apelan ao acordo para empregar todas as canles posibles para defender o galego, involucrando tamén á Crtvg para que na próxima Lei de Medios de Galicia non se de un "paso atrás".

 

Ademais, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, tamén avanzou que acudirá á cita co Goberno galego co obxectivo de escoitar as propostas do conselleiro e que, a partir de aí, valorará.

 

López Campos tamén manterá un encontro con representantes dos populares, grupo que ten (con 40 dos 75 deputados do hemiciclo do Pazo do Hórreo) a maioría absoluta na Cámara autonómica e que dá sustento no Lexislativo á acción do Goberno que dirixe Alfonso Rueda.

 

Despois dunhas semanas nas que a situación do galego situouse no foco e, en consecuencia, o decreto do plurilingüismo aprobado en 2010 con Alberto Núñez Feijóo como presidente, o propio Rueda mostrouse aberto a falar e apelou a facelo "sen liñas vermellas". Iso si, reafirmouse en que ve o problema "máis fóra das aulas que dentro".

 

E lanzou un aviso: o "bilingüismo cordial" é "un tesouro" e para o seu Goberno a "libre elección" mantense como unha máxima.

Con cada grupo por separado e con Santalices: así propón a Xunta a xornada do pacto polo galego

Te puede interesar