Con máis dun cento de actividades literarias, deportivas, musicais ou académicas, Galicia celebra este 17 de maio, Día das Letras Galegas, a vida e obra de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, Lugo, 7 de xaneiro de 1913 - Vigo, 26 de novembro de 2010). A súa localidade natal será o epicentro desta xornada, coa celebración da sesión extraordinaria do pleno da Real Academia Galega (RAG), a partir das 12.30 horas no centro de usos múltiples de Ponte de Cuñas, e contará coas intervencións académicas de Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Ferros e Margarita Ledo Andión, que abordarán nos seus discursos distintos aspectos sobre a figura e a obra do homenaxeado.
Así, Alonso Montero profundará na súa intervención nun episodio que ilustra "o importante papel que Fernández del Riego exerceu como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior". Díaz-Fierros, pola súa banda, centrarase no devir da paisaxe na obra do homenaxeado e Ledo Andión abordará a relación que Don Paco, prolífico articulista desde os anos 30, mantivo cos medios de comunicación, "consciente da importancia da prensa como esfera pública". Pechará o acto o presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes.
Tamén haberá música, este ano a cargo do cuarteto Souto Xímaro (Lourenzá) e do coro Mestre Pacheco (Mondoñedo). O pleno, de entrada libre até completar a capacidade do recinto, poderá seguirse tamén en directo a través da páxina web da RAG, www.academia.gal. A festa continuará en Lourenzá pola tarde, coa actuación do grupo da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez e un concerto de Treixadura a partir das 19.00 horas.
Ademais do acto central en Lourenzá, localidades e institucións de toda Galicia terán durante esta xornada actividades en homenaxe a Francisco Fernández del Riego. En Pontevedra, a partir das 19.00 horas celebrarase na Praza da Ferraría a final do certame Música nas Letras. No evento, conducido por Xurxo Souto, entregaranse os premios e actuarán en directo as tres bandas finalistas: Javier Lago & Raúl Ben, Álex Outeda e BOHR, que interpretarán as composicións orixinais (baseadas en poemas ou mesturas de versos dalgunha das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas) coas que participaron neste certame musical.
Na Coruña, os Xardíns de Méndez Núñez albergarán actividades lúdicas, culturais e musicais, con numerosos concertos, así como faladoiros, obradoiros e lecturas de texto do impulsor desta festividade. Os actos estenderanse desde as 11.00 horas até as 20.30 horas. Por outra banda, en Ourense, a música correrá a cargo de Susana Seivane, que ofrecerá un concerto gratuíto na Praza Maior ás 19.30 horas. Antes, ás 19.00 horas haberá unha actuación do Coro Xuvenil Cantiga.
Do mesmo xeito, institucións como a Casa-Museo de Rosalía de Castro celebra esta efeméride. Así, este mércores acolle dous eventos: un concerto do saxofonista padronés Pablo Castaño e o guitarrista brasileiro Iván Vilela, a quen se lle sumará a cantora Felisa Segade; e a presentación do sétimo número de 'Follas Novas'. Tamén o Museo Provincial de Lugo ofrece un concerto de Davide Salvado, que se celebrará no xardín do Museo ás 20,30 horas.
Pero tamén o deporte se une a esta cita. A carreira Camiño das Letras repite este ano en Santiago de Compostela con dúas probas absolutas a escoller: unha de 15 quilómetros e outra de 5 quilómetros que se desenvolven nas proximidades do Pico Sacro e da Cidade da Cultura. Ao finalizar, os participantes recibirán un libro e un diploma.
Así mesmo, a CRTVG fará un seguimento informativo dos actos conmemorativos que a RAG e a Xunta desenvolverán en Lourenzá. En concreto, a TVG emitirá un 'Zigzag Especial Letras' dedicado a Fernández del Riego. Este mesmo día programará o documental 'A nosa propia Galaxia', que aborda a celebración desde a mirada dun grupo de mozos que traballan na elaboración dun podcast sobre Fernández del Riego.
Na G2, ofrecerase o 'Concerto das Letras Galegas', a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dirixido polo mestre Maximino Zumalave, e coa participación do Coro de Cámara Rías Baixas, que interpretarán algúns dos temas favoritos de Fernández del Riego, con obras de compositores galegos consagrados. Na Radio Galega, o 'Galicia por Diante' cambiará a súa estrutura habitual e sairá dos estudos para realizar a edición da mañá, xunto co 'Diario Cultural', desde Lourenzá, onde seguirá os actos conmemorativos. A emisora entrevistará alí o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e a diversas personalidades participantes nos actos. Xa pola tarde, emitirá ás 19.00 horas o monográfico 'Letras Galegas 2022. Francisco Fernández del Riego', realizado polo equipo do 'Diario Cultural', no que se expón a súa vida e obra.