Galicia e a Eurorrexión piden tomar medidas para acadar o AVE a Oporto

No acto cívico de Vigo, Rueda esixiu un calendario de investimentos e obras que poida ser “fiscalizado”
Galicia e a Eurorrexión piden tomar medidas para acadar o AVE a Oporto
Rueda (4d) preside, este mércores 4 de decembro, o acto cívico na defensa do AVE con Portugal | S. Sas (Ep)

Representantes de administracións e institucións galegas e da Eurorrexión co norte de Portugal pediron que se “deixen de poñer prazos e póñanse vías” para “non perder o tren do progreso” entre Vigo e Oporto.


Así o reivindicaron este mércores nun acto organizado en Vigo pola Xunta de Galicia no que estiveron presentes, entre outros, o presidente galego, Alfonso Rueda; o presidente da Rexión Norte de Portugal, Antonio Cunha; o alcalde do Porto, Rui Moreira; a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, ou o presidente da Confederação Empresarial do Alto Minho, Luis Ceia, entre moitos outros.


Alí, Rueda reclamou un impulso ao AVE entre a cidade olívica e a urbe portuguesa, esixindo un calendario de investimentos e de obras que poida ser “fiscalizado”.


No evento, que aseguraron que supoñerá un “antes e un despois” para esta infraestrutura, o presidente galego reivindicou a unión de ambas as partes da fronteira para solicitar de forma “unánime” esta conexión.

 

 “Hoxe únense unha vez máis as voces de Galicia e do norte de Portugal reclamando, nin máis nin menos, o que esta terra merece: unha conexión á altura de todo o potencial e de todo o dinamismo que temos para seguir crecendo”, afirmou, á vez que sinalou que “non hai máis tempo que perder”. Tanto el como Moreira e Cunha puxeron en valor que a Eurorrexión conta con case 6,5 millóns de habitantes, que están unidos por vínculos sociais, económicos e culturais “moi intensos”. 


Precisamente Moreira, na súa intervención, asegurou que ao ano hai máis de 1,5 millóns de persoas que viaxan entre Oporto e Vigo, unha cantidade similar á que vai de Lisboa a Madrid. Por iso, pediu ao Goberno central español que non priorice unha sobre a outra.

 

“Avances”


Moreira, igual que Rueda, recoñeceu os “avances” realizados por Portugal, que xa adxudicou o primeiro tramo da conexión ata Aveiro por 1.600 millóns de euros, polo que os dous instaron ao Executivo español a actual coa mesma “determinación”. “Non é aceptable que a conexión prioritaria sexa con Madrid, mentres a nosa Eurorrexión segue esperando”, lamentou Rueda.


Por todo iso, no acto asinaron os tres, xunto co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, un manifesto no que solicitaron axilizar os investimentos para a chegada do AVE.


Pola súa banda, o acto tamén contou cunha mesa redonda na que estiveron presentes a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e o presidente da Confederação Empresarial do Alto Minho, Luis Ceia. Os tres cualificaron de “imprescindible” a conexión, poñendo en valor o acto que será un “antes e un despois” ao mostrar a “unidade” por un tema tan importante.


Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, rexeitou asistir ao acto, a pesar de estar convidado. Con todo, enviou posteriormente un audio aos medios asegurando que “a parte española está asegurada” para 2030 pedindo que o Executivo luso “faga público” o seu compromiso co AVE tamén para esa data. 

Galicia e a Eurorrexión piden tomar medidas para acadar o AVE a Oporto

Te puede interesar