Galicia sae á rúa para reivindicar a oportunidade de "vivir en galego, aquí e agora"

Galicia sae á rúa para reivindicar a oportunidade de "vivir en galego, aquí e agora"
Un instante da manifestación promovida pola plataforma Queremos Galego en Santiago / Lavandeira Jr (EFE)

Miles de persoas saíron este mércores ás rúas das sete cidades, así como dos municipios de Monforte de Lemos e Foz, para reivindicar, baixo o lema 'En galego, aquí e agora' o emprego en todos os ámbitos desta lingua e denunciar a actual situación de "emerxencia lingüística".


Estas nove protestas, que se celebraron de maneira simultánea ao mediodía, foron convocadas pola plataforma Queremos Galego, da que forman parte medio milleiro de entidades e cuxo portavoz é Marcos Maceira.


Na capital galega, o tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística achegou como datos que se cumpren 60 anos da primeira celebración do Día das Letras Galegas e 40 da promulgación da Lei de Normalización Lingüística, da cal asegurou que aínda hai que andar a "reivindicar" o seu estrito cumprimento.


Maceira dixo que sen ir máis lonxe nesta campaña do 28-M o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, actúa "xustamente" en modo contrario ao lexislado, posto que "se atreve a non facer uso do galego" e mesmo a "atacar o galego", dixo en declaracións á prensa.


Lembrou que así actuou xa "hai uns anos cando se manifestaba polas rúas de Santiago en contra do galego", pero observou que "fronte a iso hai unha sociedade que está viva", para acto seguido engadir que se o galego existe é grazas a ela, e, no seo da mesma, ao funcionariado que "sen medios é capaz de traballar en galego", ao profesorado "insumiso" e ás familias que traballan a transmisión do idioma.


"Emerxencia lingüística" é o que hai, subliñou, e clamou por unha lingua, a galega, "presente en todo e para todo".

 

Representantes políticos

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nesta mesma cidade enarborou unha contundente defensa da lingua, identidade, historia e cultura de Galicia.


Con fachenda dixo isto, a pesares de que haxa a quen poida pesarlle, opinou, en alusión ao Goberno dos populares, do que subliñou que se dedicou a poñer "paus nas rodas" e a traballar "en contra do galego, que é tanto como traballar en contra de Galicia".


Un día máis Pontón afeoulles a súa "política lingüicida" e lamentou a dirixente nacionalista que o galego xa non sexa a lingua "maioritaria" en Galicia e que o 24% dos menores de 14 anos digan non saber falalo.
Está "excluído de moitos ámbitos", agregou Pontón, e os que o falan non deben nin poden sentirse "discriminados", polo que ha de imperar a "necesidade de poder desenvolvernos na nosa lingua".


O PP converteuse nun "Terminator", salientou, o mesmo termo que utilizou na véspera, pero hai cidadáns que non están nada "dispostos" a que lles rouben o que é de seu.


Por iso defendeu a necesidade de cambiar a política lingüística, de defender con "normalidade o uso do galego" e de derrogar a "falacia" do decreto do plurilingüismo, que "non é máis ca un timo" pois cada vez hai un "monolingüismo maior", ao seu xuízo, no que gañou o español.


O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, celebrou en Compostela, no mesmo escenario, "unha lingua que nos dá un carácter propio como pobo" e cominou a protexela ao máximo. 


Como Maceira, lembrou que o presidente Rueda "se manifestou contra a promoción da lingua; non debemos esquecelo" e convidou a aproveitar o 28M para "empezar a cambiar esa forma de entender a nosa lingua".


Xunto a el, o secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage Tuñas, instou a ler o artigo 5 do estatuto de autonomía de Galicia que o PSdeG ten moi claro, como defendeu, e que estipula que "a lingua propia de Galicia é o galego".


Esta manifestación partiu da Alameda e terminou en Praterías, onde houbo lectura de manifesto e algunhas mensaxes reivindicativas, entre pezas musicais intercaladas.


Entre os seus participantes tamén estiveron outras forzas da esquerda, como a candidatura de Compostela Aberta liderada por María Rozas. O exalcalde da cidade Martiño Noriega, integrante desa lista e líder de Anova, foi un dos presentes, na compaña da súa familia.


Na Coruña a marcha partiu do Obelisco, en Vigo do cruce Vía Norte, en Pontevedra o punto foi a Praza Curros Enríquez, en Lugo a Praza Maior, en Ourense a Praza do Correxedor, en Ferrol a Praza do Inferniño, en Monforte a Praza de España e en Foz o propio Concello. 

Galicia sae á rúa para reivindicar a oportunidade de "vivir en galego, aquí e agora"

Te puede interesar