Gastronomía, artesanía e música centran na fin de semana a proposta de Galicia en Fitur

Tras enfocar nas primeiras xornadas cara a promoción paisaxística, chega o momento da festa e do bo xantar
Gastronomía, artesanía e música centran na fin de semana a proposta de Galicia en Fitur
Cristina Velasco amosa algunhas das súas creacións no stand galego de Fitur 2025 | Aec

O stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2025, que se celebra en Madrid, continúa esta fin de semana cunha intensa actividade dirixida ao público en xeral, con brunch e sesión vermú, acompañadas de actuacións de gaitas, DJ e talleres de artesanía.


A comunidade galega culmina deste xeito unha axenda de promoción do destino Galicia, despois de tres xornadas con presentacións dirixidas ao sector turístico, que valoraron especialmente a oferta paisaxística, a natureza a gastronomía e a cultura como valores que afianzan un modelo de turismo sostible e auténtico, segundo explicou este sábado o Goberno galego nunha nota de prensa.


Durante a xornada deste sábado, na zona gastronómica do espazo tiveron lugar distintos showcookings –espectáculos de cociña– realizados con produtos galegos, comezando por un brunch galego –unha opción culinaria a medio camiño entre o almorzo e o xantar– baixo o título de ‘Almorzos Devagar’. 

 

A continuación houbo unha degustación de empanada galega con viños da Denominación de Orixe (DO) Valdeorras e de sobremesas con acento galego. A xornada neste espazo finalizou cunha sesión de vermú galego acompañado de petiscos elaborados con conservas de mar de Galicia Calidade.


Os visitantes que se achegaron este sábado ao stand de Galicia en Fitur 2025 tamén puideron asistir ás actuacións da intérprete Sheila Patricia e da Escola de Gaitas de Ortigueira.


Para este domingo, haberá un showcooking de carnes co selo Galicia Calidade maridadas con viños das DO Ribeira Sacra e DO Monterrei e, para poñer fin a esta programación, a degustación de petiscos elaborados con conservas de mar de Galicia Calidade. Tamén se poderá volver gozar da mesma proposta musical de onte, complementada con DJ Casta.


A artesanía da comunidade  se atopará representada polo taller en vivo a cargo da artesá de origami Cristina Velasco, á fronte do estudo Anaquiños de Papel dende o ano 2014, que desenvolverá unha serie de pezas elaboradas en papel inspiradas na natureza, como amosou na inauguración.


A proposta galega da fin de semana complétase coa información promocional do destino ao dispor do visitante nos diferentes mostradores, nos que os profesionais facilitarán información especializada e personalizada de acordo con as distintas demandas dos turistas. 

Gastronomía, artesanía e música centran na fin de semana a proposta de Galicia en Fitur

Te puede interesar