Galicia conta dende agosto de 2021 cunha ferramenta informática concibida para aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite. Trátase de Conta Láctea, unha aplicación posta en marcha pola Xunta, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras e á que se pode acceder a través do seguinte enlace: https://www.contalactea.gal/pladel/.
Con esta plataforma os produtores non só poden calcular os seus custos de produción e así incrementar a súa rendibilidade, senón que (como empresarios) poden tamén mellorar esa posición nas negociacións dos prezos. Trátase dunha aplicación posta á enteira disposición do sector para cubrir unha das necesidades detectadas a través da Estratexia de dinamización do lácteo: a mellora da xestión económica das explotacións.
Este instrumento, creado pola Xunta en cooperación coa Fundación Juana de Vega, é especialmente útil para que os gandeiros poidan defender, desde a mellor posición posible, os seus intereses, mellorando a súa posición dentro da cadea de valor da produción de leite. Trátase dunha aplicación útil e efectiva para negociar os prezos e, en xeral, para mellorar a xestión das explotacións, así como sinxela, intuitiva, accesible e manexable por e para todos.
De feito, esa é unha das súas características máis importantes: o feito de que o seu manexo é sinxelo, algo que permite que sexa empregada por calquer persoa, aínda que non sexa experta nas novas tecnoloxías ou careza de coñecementos informáticos a nivel avanzado.
Para acadar estes obxectivos, a ferramenta permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.
De balde, sinxela e intuitiva
Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos datos obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para que o empreguen os gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.
Esta aplicación permite a cada gandeiro, ao darse de alta como persoa usuaria, introducir os datos básicos da súa explotación (número de persoas propietarias, persoas traballadoras, superficie agraria útil, investimentos, así como os datos de ingresos e gastos), o que lle fará máis sinxela a súa xestión.
A partir desta información debidamente cuberta, a aplicación calculará os seus custos de produción, así como o prezo do leite que debe recibir para cubrir todos os custos da súa explotación (incluído o salario propio da/s persoa/s propietaria/s homoxeneizado a 1,5 veces o Salario Mínimo Inteprofesional). A persoa usuaria poderá imprimir o informe de resultados do ano e levar anualmente a contabilidade da súa explotación.
Información ao sector
Para difundir entre os interesados esta ferramenta, a Xunta desenvolveu diferentes xornadas informativas nas principais zonas produtoras de leite de Galicia. Así, fixéronse presentacións, por parte do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e de representantes da Fundación Juana de Vega, en Mazaricos, Santa Comba, Curtis, Castro de Rei, Lugo, Lalín e Rodeiro, así como nas instalacións das cooperativas Clun (en Ames) e Aira (en Taboada).
Ademais, diversas comunidades autónomas, entre elas Castela e León, Asturias, Cantabria ou Cataluña, amosaron interese por esta aplicación informática, para avaliar a posibilidade de incorporar ferramentas semellantes nos seus respectivos territorios.
A maiores, a Xunta trasladou en varias ocasións ao Goberno central a súa proposta de que Conta Láctea funcionase como forma de acreditación do custo efectivo de produción nas negociacións para fixar o prezo do lácteo. Isto fíxose, por exemplo, mediante unha emenda presentada durante a tramitación da modificación da Lei da cadea alimentaria, que foi rexeitada, así como en foros coma a Sectorial de Agricultura.
Conta Láctea enmárcase na aposta que realiza a Estratexia do lácteo pola innovación e pola aplicación ao sector das novas tecnoloxías. Todo isto, co obxectivo prioritario que ten este documento de consensuar e asentar as bases para consolidar a Galicia como principal rexión láctea, con carácter competitivo, perspectiva sustentable e capacidade de resiliencia. Evidentemente, o sector lácteo é un dos principais eixos da economía galega e forma parte da esencia da comunidade, polo que aplicacións coma este sirven para axudar e beneficiar coas persoas que manteñen o sector.