A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, comezará este luns 4 de novembro a inmunización, en centros de saúde, de nenas e nenos nados desde o 1 de abril fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).
Con esta medida, o departamento sanitario galego ofrécelles aos nenas e nenos nados desde o 1 de abril de 2024 e que non se inmunizaran nos hospitais, a posibilidade de vacinarse agora no seu centro de saúde, solicitando cita cando máis lles conveña ás familias. Esta posibilidade permanecerá aberta durante todo o mes de novembro.
A campaña de protección contra o VRS púxose en marcha para inmunizar aos nenos e nenas sen factores de risco nados entre o 23 de setembro de 2024 ata o 31 de marzo de 2025. Ademais, citouse nos hospitais aos nenos e nenas nados con anterioridade ao inicio da campaña, desde o 1 de abril de 2024, xa que os menores de 6 meses teñen máis risco de infección grave por VRS.
Con esta campaña, vacínase tamén aos prematuros con idade xestacional menor de 35 semanas, incluíndo os extremadamente prematuros (idade xestacional menor de 29 semanas) antes de cumprir os 12 meses de idade. No caso de que recibiran unha dose na tempada anterior, e que despois de valoración clínica continúen a ser vulnerables á enfermidade grave por VRS, poderán recibir unha nova dose nesta tempada, sempre e cando teñan menos de 12 meses no momento da administración.
A campaña está dirixida á poboación infantil con alto risco de enfermidade grave por virus respiratorio sincitial que teña menos de 24 meses no momento da administración. E a aquela poboación infantil que padeza cardiopatías conxénitas con afectación hemodinámica significativa, así como aos que sufran displasia broncopulmonar.
Tamén vacinarase á poboación infantil con outras patoloxías como inmunodepresión grave, erros conxénitos do metabolismo, enfermidades neuromusculares e pulmonares graves, síndromes xenéticas con problemas respiratorios relevantes, síndrome de down, fibrose quística, e nenos ou nenas en coidados paliativos, se teñen menos de 24 meses no momento da administración.
Ata o 28 de outubro a campaña da Xunta de inmunización fronte ao VRS, principal causa de bronquiolite, acadou xa un 82,24 % de cobertura en nenos e nenas nados desde o 1 de abril ao inicio da campaña.
Ademais, no caso de bebés que naceron desde o 23 de setembro e que tiveron a oportunidade de seren inmunizados directamente no hospitais galegos, a porcentaxe de cobertura é do 87,87 %.
En total, a Consellería de Sanidade leva inmunizados 6.966 nenos e nenas.
Estes datos de cobertura fronte ao VRS son actualizados semanalmente e publicados no Observatorio de Saúde Pública de Galicia a disposición de toda a cidadanía e a comunidade científica.