A Xunta promoverá novos cursos de conducción segura nos que participarán 640 motoristas

A Xunta promoverá novos cursos de conducción segura nos que participarán 640 motoristas
Día Mundial en Lembranza das Vítimas de Accidentes

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou hoxe en Vigo, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, no acto do Día Mundial en Lembranza das Vítimas de Accidentes, promovido polo colectivo Stop Accidentes.

 

Na súa intervención, M. Allegue subliñou o relevante papel que desempeñan colectivos como Stop Accidentes no eido da seguridade viaria e a sensibilización social e amosou o firme compromiso da Xunta “para seguir traballando a diario, e para seguir mellorando en coordinación con estes colectivos e co resto de administracións” neste eido “para artellar a mellor estratexia”.

 

“Para nós é unha preocupación constante que as estradas da nosa competencia estean nas mellores condicións que garantan a maior seguridade viaria, tanto para os usuarios de vehículos, coma para peóns e ciclistas -indicou-. Todos os que temos competencia nesta materia temos que seguir traballando, porque máis aló das estatísticas, cada vítima de accidente de tráfico é unha traxedia que afecta a todo o seu entorno persoal”.

 

A conselleira amosou tamén a preocupación por condutas irresponsables de usuarios, como a condución en condicións inadecuadas por consumo de drogas, alcol ou a non utilización do cinto de seguridade, “agravados pola sensación de impunidade que dan os avisos de controis en redes sociais”.

 

E incidiu de xeito especial nun dos colectivos vulnerables das estradas, os motoristas, cun peso moi alto nas cifras de falecidos en estradas. Nese senso, anunciou que a Xunta promoverá 32 novos cursos de condución segura para motoristas en dous anos, abertos á participación de 640 motoristas, que se licitarán a vindeira semana. Trátase de cursos de formación cunha parte teórica e outra práctica, na que aprenderán a reaccionar ante situacións adversas.

 

M. Allegue lembrou que a Administración autonómica ten en marcha, en colaboración con colectivos e co resto das administracións o “Plan de Seguridade Viaria 2022-2025. Visión cero”,

que persigue a eliminación de falecidos e feridos graves provocados polos accidentes de tráfico para o ano 2050 e cunha folla de ruta que aborda diversas liñas de traballo que inclúen o plan de reforzos de firmes, o Plan de Sendas ou tamén a formación.

 

Medidas que, como citou, van acompañadas dun respaldo orzamentario. Neste senso, no 2024 a Xunta incrementou nun 8% as partidas específicas e concretas para conservación das estradas autonómicas, dedicando a este fin 53M€. Nos orzamentos do 2025, a aposta pola seguridade viaria, a través da conservación das estradas autonómicas e a mellora de firmes, volve tamén a ser un eixo fundamental, con máis de 68M€, un 30% máis que neste ano

A Xunta promoverá novos cursos de conducción segura nos que participarán 640 motoristas

Te puede interesar