A Xunta de Galicia recibiu este ano máis de 3.500 solicitudes para certificar o nivel de coñecemento en lingua galega. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou ás persoas que se examinaron esta mañá no instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela. Trátase dunhas probas ás que, tal e como explicou, se matricularon máis de 700 persoas para acadar o nivel Celga 4 e que se suman ás máis de 200 que se presentan en Ponferrada, outro dos puntos onde se se poden validar as competencias lingüísticas.
Neste senso, o representante do Goberno autonómico salientou que estes exames “son unha ferramenta fundamental para acreditar o dominio da lingua e impulsar así o seu prestixio”. “O obxectivo desta acción é promover a formación ao tempo que favorecemos o coñecemento e emprego do galego en toda a sociedade”, apuntou López Campos antes de engadir que se trata dunha medida dirixida especialmente a “que aquelas persoas non nacidas en Galicia ou que non tiveron este idioma como lingua nai poidan ter a oportunidade de ser parte da comunidade de galegofalantes”.
O conselleiro de Cultura lembrou que, con esta finalidade, o Goberno galego vai reforzar a oferta formativa para neofalantes co lanzamento, de cara ao ano 2025, dun centenar de cursos específicos de lingua e cultura galegas para persoas chegadas do exterior. “Trátase dunha das novas accións que imos poñer en marcha no marco do Plan de 50 medidas xa anunciado para impulsar o uso do idioma en toda a sociedade”, apuntou.
As de esta fin de semana son as segundas probas que se celebran en 2024, despois dos exames feitos entre maio e xuño nas sedes de Santiago de Compostela e Ponferrada con máis de 2.100 persoas inscritas. Ademais do Celga 4, esta segunda quenda inclúe tamén as probas para acreditar as competencias lingüísticas do Celga 2 e Celga 3, que terán lugar, en ambas sedes, os vindeiros días 23 e 24 deste mes, sumando en total entre os tres niveis preto de 1.500 solicitudes.