Altri e a esquerda relixiosa

Para entrar xa en materia confesarei un pecado. Como o das columnas é tamén mercado da atención, incluín no titular unha incorrección piadosa. Do que lles quero falar non é de Altri –empresa pasteira de Portugal– senón de Greenfiber, onde ademais dela está cun 25% de capital a firma galega Greenalia. Usei o de Altri porque é un nome máis afianzado na opinión pública, pero non é o mesmo, a non ser que penses que tanto dá unha empresa de fóra que unha de aquí, ou que defendas, como algúns, que no noso empresariado só pode traballar xente de idéntica posición ideolóxica á túa, o que non se dá no meu caso, e iso que politicamente estou moi lonxe dalgunha figura que nisto exerce responsabilidades aí, pero eu son demócrata, ou sexa, un tipo normal.


Greenfiber aspira a fondos da Unión Europa para construír unha fábrica na comarca da Ulloa, en Lugo. Sería unha celulosa destinada a novidosas fibras textís e pasta que investiría, por parte propia, uns 600 millóns e que propón crear 500 traballos directos e uns 2.000 indirectos. Soa ben. Polo menos, para os que cremos na reindustralización de Galicia en términos de legalidade ambiental europea, a máis avanzada do mundo, unha grande conquista. Pero, cachis, aí entrou en xogo a esquerda que, en contra da súa traxectoria histórica, agora é sumamente relixiosa.


Se Greenfiber cumpre coas normas de coidado ao medio –avanzadas, insisto– haberá fábrica. Se non, nada. Eu estou moi tranquilo porque, sen ser perfectas, creo nas institucións europeas. A esquerda relixiosa, que non é a miña, seica non. Así que en vez de tratar a cuestión de xeito maduro e político, entregouse ao dogma, púxose unha túnica branca acompañada dun báculo e empezou a propagar a inminente chegada das sete pragas de Exipto: morte de ríos e rías, terra arrasada, pobreza a lotes, destrucción de tres comarcas e, literalmente, anuncio de troitas con tres ollos, como as que saen nos Simpson. Un desatino que ninguén serio pode crer que vaia pasar xamais, polo que, dado que non ten base política, só pode aceptarse desde a férrea visión relixiosa.


Por suposto, a pesar de que no progresismo sempre defendimos a ciencia fronte a fe, esta esquerda confesional desconfía dos enormes avances tanto científicos, como tecnolóxicos, como lexislativos. Seguen ancorados nun tempo no que non existían, como as sectas esas que rexeitan a electricidade porque o progreso insulta ás súas crenzas. Se escoitan “celulosa” pensan en 1963, non en 2024. Porque o seu trátase de feligresía, de suposta transcendencia divina contra unha maldade imposible de domar, polo tanto, allea á realidade concreta. Marx tolearía antes estes supostos discípulos seus.


Pero a política hai que tomala en serio. Vai de avances, non de inquisición. De negociar, lexislar e progresar. Non de anunciar á mínima apocalípses que hoxe, aquí, en Galicia, non van ocorrer.

 

Altri e a esquerda relixiosa

Te puede interesar