Os amigos de Pedro Sánchez

Lembran as últimas eleccións xerais? Eu si. Foron en novembro de 2019. Gañou o PSOE de Pedro Sánchez. Recordan outra cousa? Daquela, o feminismo non só era o axente de progreso que segue sendo, senón que se trataba dunha enorme potencia electoral, no ronsel das masivas e transversais manifestacións do 8 de marzo. Pero despois, xa saben, accederon ao Ministerio de Igualdade Irene Montero e as súas amigas, e nunha mestura de disparate e mediocridade, a palabra “feminismo” perdeu forza. A súa recuperación vai ser unha das batallas decisivas de cara aos comicios do 23 de xullo. 
 

Nunha entrevista radiofónica, Pedro Sánchez decidiuse a falar do asunto. Por fin, presidente. E comentou de xeito público o que é un segredo a voces, que o enfoque de certo sector do feminismo -o que representa Irene Montero, pero non só- está resultando unha pexa nas urnas. Que hai que cambiar nese terreo. Que xa está ben de confundirse de inimigo. 
 

“Creo no feminismo como un movemento social integrador, o que queremos é un país onde as mulleres crezan libres e seguras”, dixo o líder socialista. E engadiu unha clave: “Teño amigos, homes entre 40 e 50 anos, que se senten incómodos cos discursos contra eles”. Unha crítica directa aos feminismos parcelarios e identitarios que fixeron do necesario Ministerio de Igualdade unha fuga de votos e, o que resulta peor, un liberador de abusadores sexuais. 
 

Eu son home desa franxa desa idade, a piques de pasar á seguinte. E si, teño amigos de esquerdas. E, en efecto, estamos sumamente incómodos co acontecido. Explícolles. Malia que seguramente aínda conservamos tics propios de decenas de anos de sociedade machista, non temos ningún problema en destacar e crer no feminismo como un potentísimo actor político en clave igualitarista. Ou sexa, algo puramente de esquerdas. Sentimos dor ante a violencia de xénero, rexeitamos a fenda salarial. Non imos pola vida exhibindo pureza moral, porque renegamos desas posturas ridículas, mais en ningún caso somos o inimigo do feminismo. Pero desde un Ministerio e as súas diversas ramas, somos tratados como o peor. “El violador eres tú”, vemos como se nos canta a nós, homes que nunca violaron a ninguén, como a maioría. Se nos tacha de “manolos”, de sobrantes, cun discurso que desborda o político para converterse nun tratado de boas maneiras sospeitosamente parecido ao que recibíamos dos curas dos colexios dos anos 80. Ou sexa, represivo. 
 

Pero non somos o adversario, insisto. Non exercemos de suxeito central do feminismo -que son as mulleres- pero apoiamos un movemento transformador necesario e que pode ser amplo, para toda a poboación. Irenes e Pams preferiron converterlo en hostil cara un importante sector da propia esquerda, o que tamén inclúe ás moitas feministas agora expulsadas só por crer nunha evidencia científica, a existencia do sexo biolóxico. Así ía mal. Teñen razón Pedro e os seus amigos.

Os amigos de Pedro Sánchez

Te puede interesar