As Letras Galegas naceron na Coruña

Hai dous poemas sobre A Coruña que adoro, talvez os mellores que se escribiron nunca sobre a miña cidade. Ambos, claro, en galego. Un é do gran Curros Enríquez, ese símbolo do galeguismo progresista que reuniu unha marea cidadá de camiño ao seu enterro en San Amaro, e que escribiu a mellor definición posible en verso sobre esta urbe: “Cidade que sobre os mares ergue a cabeza altiva”. O outro é de Luísa Villalta, a homenaxeada onte no Día das Letras Galegas. Aquel que di: “O meu home é o da Cidade Alta; nacido onde a luz e o mar se están orixinando; mutuamente; nacín enfrente de min mesma; cando a Pescadería era un leito de sereas”.


Ante a potencia destas palabras resulta imposible non entender a paixón que simboliza A Coruña. Con todo, segue habendo xente que -alén do fútbol ou outros divertimentos que canalizan a ben os instintos raros- continúa sen comprender en serio a cidade, á que teiman en sinalar con tópicos construídos desde arriba e sumamente conservadores, incapaces de asumir unha urbe modernista como a nosa. 


Dixo tamén hai anos Luísa Villalta nunha entrevista: “Síntome heredeira da Coruña que defende Galicia”. Que era e é a moi maioritaria, non o esquezamos. Unha circunstancia que tamén abrangue á lingua galega, que sempre tivo aquí o seu maior número de falantes en términos absolutos, malia os fetiches contra este feito que se lle lanzaron dun lado e outro. Pero A Coruña é a do galego de elite cultural rebelde de Villalta e tamén a do galego de cultura popular de Arsenio Iglesias. Aquí está todo o que necesita nese sentido un país, de Yolanda Castaño a Xosé Ramón Gayoso, do Circo de Artesáns ao Dépor. Non é casual esa diversidade. Chámase carácter local. 


En contra de calquera concepción de Galicia baseada na exclusividade tradicionalista, A Coruña sempre abriu outras portas, mirando o Atlántico e sen perder de vista nunca o propio. Por iso, é ben recordar en todo momento que a festividade de onte, o Día das Letras Galegas, tamén naceu aquí. Como case todo o que ten que ver co galeguismo de carácter cívico, non relixioso. 


En 1963 a Real Academia Galega oficializou na súa sede na Coruña, onde segue, o 17 de maio para honrar a nosa cultura escrita. Se cadra vai tocando falar de abrir a celebración a outras formas de cultura galega, xa que a RAG procede directamente da Sociedad de Folk-Lore Gallego que presidiu Emilia Pardo Bazán, que non estaba só dedicada á literatura. Pero ese é outro conto. Aquí estamos falando da coruñesidade como cerna de Galicia. 


Non só RAG. Na cidade agromaron as Irmandades da Fala, naceu o himno galego, foi a primeira representación teatral na nosa lingua e tantas outras efemérides. Da Coruña, concretamente do seu porto, provén desde hai 133 anos a actual bandeira galega, esa que, así mesmo, loce o Dépor no escudo desde hai máis dun século. Somos capital deste país, en aberto. 

As Letras Galegas naceron na Coruña

Te puede interesar