Capitalismo de plataforma

Unicornio, para o dicionario da RAG é un animal fabuloso con corpo de cabalo e un corno recto no medio da testa. Disque é símbolo de forza e virxindade. Cousa fabulosa, nunca vista no mundo real por ser só un mito da fantasía. Daquela, a palabra “unicornio” úsase para referirse ás empresas tecnolóxicas que alcanzan unha valoración de máis de mil millóns de dólares, ou o seu equivalente en euros, sen cotizar na bolsa de valores. Estas empresas caracterízanse pola súa innovación, o seu crecemento exponencial e a súa capacidade de aproveitar as novas tecnoloxías para ofrecer solucións novidosas e cativadoras de servizos aos consumidores. Con todo, o concepto de unicornio tamén implica unha serie de desafíos e riscos para estas empresas e para a sociedade en xeral. Algúns destes desafíos son a sustentabilidade financeira, a responsabilidade social, a competencia leal e a regulación legal. Por iso, algúns autores de textos económicos ou sociolóxicos propoñen un modelo alternativo de empresa tecnolóxica, baseado no símbolo da cebra. Si, a dise mamífero da familia dos équidos do que existen diversas especies propias do sur de África, cun aspecto intermedio entre o cabalo e o asno, e o pelo branco tirando a amarelo, con listas pardas e negras ao través. Así, as cebras son corporacións que buscan xerar un impacto positivo no mundo, tanto económico como social e ambiental. Empresas que apostan pola colaboración sobre a competencia, a diversidade sobre a homoxeneidade e a rendibilidade sobre o crecemento desmedido.
 

Unicornios e similares, é o chamado modelo de capitalismo de plataforma ou da economía de demanda, sistema que se basea no uso de plataformas dixitais para conectar a provedores e consumidores de bens e servizos, sen intermediarios tradicionais. Plataformas que ofrecen servizos que compiten con sectores regulados, pero fano sen cumprir coas mesmas normas nin pagar os mesmos impostos. Ademais, contratan fóra delas, de xeito externo á empresa, gran parte dos seus custos laborais, ao considerar aos seus traballadores como autónomos ou colaboradores, sen garantirlles dereitos básicos como o salario mínimo, a seguridade social ou a protección fronte ao despedimento. Isto xera unha situación de precariedade e desprotección para miles de persoas que dependen destas plataformas para obter ingresos; mesmo alén da “Lei Rider” que, tarde, mal e arrastro, tenta protexer dereitos as persoas afectadas polas políticas de contratación deste modelo de entidades. Velaí o libro “O club dos unicornios” no que se retrata de maneira crítica estas empresas tecnolóxicas, sinalando a dependencia dos fondos de investimento, a obsesión e a necesidade de experimentar un crecemento acelerado e unha expansión constante en busca duns beneficios que, a miúdo, non chegan, e a precariedade extrema á cal abocan os seus traballadores.

Capitalismo de plataforma

Te puede interesar