De celebrar

Hai palabras que veñen cargadas de emocións importantes. Palabras que implican compartir e polo tanto, alegrarse xuntos de todas as cousas boas que, en ocasións, nos suceden. Celebrar é unha palabra cunha carga importante de feitizo. E por iso, compartimos con todos vos a maxia de sabernos felices. Hoxe celebramos o encontro e a unión de Paula Tabuyo e de Diego García. E facémolo cheos desa felicidade envolvente e contaxiosa, de sabernos e sentirnos acompañados por tantos familiares e amigos, aos que queremos e que nos queren. Persoas que son importantes nas nosas vidas, que habitan nos nosos corazóns e que sempre camiñarán con nós; eses cos que facemos o presente máis respirable e cos que creamos convencidos, un futuro mellor. Nada pode facernos máis felices coma pais, que o feito de verbos compartindo un proxecto de vida xuntos e ver como esa felicidade acende cada un dos poros da vosa pel, engadindo un brillo especial aos vosos ollos. Saber que vos coidaredes e apoiaredes sempre, fai que esas distancias obrigadas que sufrimos  por cuestións laborais, parezan sempre moito menores. Por iso queremos trasladarvos a nosa emoción -esa fonda e de verdade que acaba por convocar as bágoas- por sermos partícipes da felicidade que construídes xuntos. Por permitirnos asistir ao nacemento e a consolidación do voso amor.  E a nosa gratitude por celebrar con todos nos, o inicio dese longo camiño que vos fará chegar máis lonxe. Dende a sorpresa inicial de descubrirse, medrou a necesidade urxente de encontrarse, e de compartir as horas e os destinos. Son as leis eternas de quererse. Compartimos felices con vos este compromiso. E con toda a nosa emoción, o noso cariño e a nosa forza, desexámosvos que a saúde, a sorte e a felicidade vos acompañen en todo momento. Sabedes que estaremos sempre aí para vós, con vós, celebrando xuntos a vida.
 

Non teño palabra máis viva que sentirte...

De celebrar

Te puede interesar