Encrucillada tras a desfeita

A desfeita catastrófica que afecta ao Levante español produto do efecto dun extremo meteorolóxico puxo en evidencia as graves carencias na planificación urbanística e a falta de previsión fronte aos desafíos climáticos que xa estamos a vivir. Durante décadas, as administracións centraron a expansión urbana en criterios económicos a curto prazo, ignorando a circulación natural da auga e descoidando a protección de áreas tradicionalmente inundables. Esta situación de vulnerabilidade non é un accidente natural, senón un resultado directo dun sistema de xestión territorial que non atendeu as advertencias dos expertos e deixou de lado a ciencia na toma de decisións de risco.


Agora, afrontar a reconstrución destas zonas non debería repetir erros pasados. Pola contra, esta é unha oportunidade de reformular as prioridades e construír cidades que sexan máis axeitadas e seguras para as xentes que habitarán nelas. Unha das medidas é devolver ás augas os seus espazos naturais, recuperando zonas de drenaxe que se perderon pola urbanización excesiva e construíndo con materiais e métodos que faciliten a absorción de auga. As zonas urbanas tamén deberían incorporar áreas de aliviadoiro, espazos que se poidan habilitar en caso de emerxencia para reducir a presión das inundacións. Este enfoque, baseado na adaptación e non na confrontación coa natureza, permitiría un deseño máis sostible e que, ademais, podería servir como exemplo para outras xeografías do estado, fóra da conca mediterránea, caso do territorio galego.


Para avanzar, resulta imprescindible que os expertos en hidroloxía e cambio climático sexan escoitados. Os especialistas veñen advertindo dende hai anos das consecuencias da desorde territorial e das malas prácticas urbanísticas, pero a súa voz foi ignorada en prol de intereses políticos e económicos. Involucrar a comunidade científica nas decisións sobre o territorio é fundamental para evitar novas traxedias e construír con criterios de resiliencia.


Cousa clave é, tamén, a educación e a sensibilización da poboación. As alertas meteorolóxicas, por si soas, non son suficientes se a cidadanía non as toma en serio ou non sabe como actuar. Isto esixe un cambio na percepción dos riscos, que só se consegue a través de campañas continuas de concienciación. Ademais, as simulacións de evacuación e os ensaios prácticos de reacción ante emerxencias axudan a que, en momentos de pánico, as persoas saiban claramente como actuar.


Ignorar o cambio climático ou minimizar os seus efectos xa non é unha opción. A frecuencia e intensidade destes fenómenos van en aumento. Esta situación non só esixe unha resposta técnica, senón tamén un cambio de mentalidade colectiva, onde as políticas de adaptación e a protección do medio se sitúen no centro das prioridades sociais. Esta catástrofe debe ser un punto de inflexión.

Encrucillada tras a desfeita

Te puede interesar