Coa sanidade non se xoga

O último informe do Consello de Contas revela o desvío por parte da Xunta de Galicia de 159 millóns de euros transferidos polo goberno central para o reforzo da sanidade pública en plena pandemia, 159 millóns de euros que foron derivados a fins descoñecidos en lugar de destinarse á loita contra a COVID. 
 

O goberno central destinou 418 millóns de euros ao reforzo da sanidade galega que o goberno de Feijoo decidiu non empregar a ese fin na súa totalidade detraendo 159 millóns de euros para destinalos a fins descoñecidos. Rueda débelle unha explicación aos galegos e galegas pola xestión destes fondos no peor momento da pandemia cando él era vicepresidente da Xunta.
 

Resulta moi difícil de explicar que en plena pandemia, nunha situación de angustia e mentres todos estabamos a pedir o reforzo da sanidade pública, o goberno galego desviara 4 de cada 10 euros enviados polo Estado para a loita contra a COVID.  A Xunta debe dar conta destes datos demoledores revelados polo Consello de Contas que, como mínimo indican que non hai fiscalización nin control de boa parte dos gastos do Sergas.
 

Feijoo que vai dando leccións por España debería comezar por explicar a dónde foron a parar os fondos que tiña que ter adicado á sanidade, xa que Galicia foi a comunidade que menos investiu deses fondos na pandemia, tan só por detrás da Comunidade de Madrid. O caso galego queda máis en evidencia ao compararse con outras moitas comunidades que, non só gastaron eses fondos, senón que aportaron cartos propios para loitar contra o virus e axudar ao sistema sanitario, como foi o caso da Comunidade Valenciana. 
 

Rueda non pode mirar cara outro lado, debe ofrecer respostas e explicar a ónde foron a parar os 159 millóns de euros que non se adicaron a sanidade nunha situación de excepcionalidade e mentres Galicia ten a día de hoxe 979 profesionais sanitarios menos en Atención Primaria que en 2009. 
 

Os socialistas solicitaremos que o Parlamento de Galicia abra unha investigación para que todos os galegos e galegas poidan coñecer o que fixo o goberno do PP cos fondos transferidos polo Estado para a sanidade e instamos aos grupos do PP e do BNG a que expresen a súa posición de cara a investigar o destino deses fondos.

Coa sanidade non se xoga

Te puede interesar