A Coruña amosou en Madrid, con motivo da Feira Internacional de Turismo, as enormes fortalezas coas que conta para volver ser un destino turístico de primeiro nivel, situándose como espazo urbano de referencia do noroeste español.
A cidade conta cunha contorna e cunha paisaxe privilexiadas, cunha magnífica oferta hoteleira e de infraestruturas para a celebración de congresos e exposicións, cun porto cada vez máis integrado na vida da cidade e cun aeroporto que comeza a recuperarse, con novos destinos nacionais e internacionais.
Dispón, ademais, dun sector empresarial potente e implicado, dunha rede de axencias de viaxes e de aloxamentos que achegan valor, garantías e oportunidades, ademais dunha gastronomía de primeiro nivel e dunha oferta cultural e de lecer que teñen poucas cidades en España.
A Coruña asume neste 2022 o reto de afrontar a saída da crise económica sentando as bases dun modelo turístico sólido que volva situar á cidade no mapa dos grandes destinos nacionais. Un modelo turístico que aproveite as fortalezas e as enormes potencialidades coas que conta a cidade.
Tal e como destacou a alcaldesa na súa presentación en FITUR, a estratexia turística da cidade para 2022 basearase en catro piares: a sustentabilidade, a dixitalización, o turismo de congresos e eventos e, por suposto, o turismo cultural, que será o gran eixe de atracción da nosa cidade en 2022, coincidindo coa celebración do Ano Internacional María Casares.
A participación de todo o sector turístico do noso municipio e dos principais operadores nacionais, así como a presenza da propia ministra de Turismo, Reyes Maroto, na presentación das liñas básicas da programación da cidade, puxeron de manifesto que A Coruña está a recuperar o pulso e que pode ter motivos para o optimismo.
Estamos seguros de que o 2022 será o ano do despegue turístico da cidade, o ano no que A Coruña volverá ser un destino turístico de primeiro nivel en Europa, o ano no que a cidade será de novo referente das grandes citas nacionais e internacionais da música e da cultura. E, por suposto, o ano no que A Coruña recuperará o papel tractor e mobilizador que lle corresponde como referencia do noroeste peninsular e faro do Atlántico.