O inicio do novo mandato municipal, como xa se apuntara en campaña, devolveu ao ecosistema de María Pita un concepto que levaba tempo en desuso, pero que paga a pena recuperar, especialmente no aberto sentido actual. Refírome ao de “coruñesismo”. Falou del a alcaldesa Inés Rey no seu discurso de investidura e sobrevoou tamén o acto co que o pasado mércores se inaugurou no edificio de Afundación a mostra A Coruña no Tempo, que comisariada por Manuel Gago e Rubén Ventureira non deixa de ser iso, unha brillante exhibición do mellor coruñesismo, o que exerce de faro, sobre todo de Galicia.
A cidade marítima, a cidade comercial, a cidade modernista, a cidade popular, a cidade das mulleres. Todo iso, e máis, é A Coruña, e así pode verse nunha magnífica exposición que, organizada pola Xunta e Afundación, co Concello como principal colaborador na achega de pezas, non só difunde unha riquísima historia, senón que pon sobre a mesa dúas cuestións de moi relevante calado.
Unha é a condición capitalina da Coruña. Non debería asustar a ninguén esta afirmación. Resulta unha evidencia, que a propia mostra acerta ao non ocultar. Quen se asuste ao vela refrendada talvez asume unha mirada histórica de Galicia algo limitada, sensación á que sen dúbida axuda o marco de concentración en Compostela que leva corenta anos dominando a nosa autonomía. Pero, como afirmou a alcaldesa durante a inauguración: “Galicia como concepto ilustrado naceu na Coruña”. Por iso, pretender entender este país sen entender a fondo esta cidade supón un erro xigantesco. Por desgraza, hai quen o comete.
A outra cuestión que converte en imprescindible a exposición reside no seu propio plantexamento. A Coruña no Tempo forma parte dun ciclo que que pretende “reivindicar a cultura urbana como compoñente clave da identidade de Galicia”, traspasando os tópicos que nos outorgan un carácter unicamente rural. Por fin, alguén -e coido que ese alguén é o talentoso divulgador Manuel Gago- enfronta ese necesario desafío.
Galicia leva demasiado tempo padecendo unha amputación cultural. A expulsión do urbano do noso relato común, especialmente grave no que respecta ás tres grandes cidades portuarias (A Coruña, Vigo e Ferrol) non só falsea o noso pasado -favorecendo unha imaxe conservadora- senón tamén o noso presente, que é o dun país plenamente urbano, no que mesmo deberíamos comezar a falar non xa de sete cidades, entendidas estas en sentido metropolitano, senón de nove, posto que tanto o Barbanza como o Salnés funcionan xa como urbes dispersas duns 60.000 habitantes cada unha.
Seremos capaces de deixar de reducir Galicia? Eis o gran debate. Un bo comezo pode ser que non só os coruñeses visiten esa sensacional exposición que é A Coruña no Tempo. Así, moitos borrarán falsos tópicos, pero ademais entenderán algo fundamental, que falar do auténtico coruñesismo é o mesmo que falar do mellor galeguismo.