A Coruña en pé de festa

Os ditos populares teñen unha metade de tópico e outra de realidade, así aproximadamente. E, entre eles, un que destaca de xeito moi especial nestas datas é aquel que indica que “Santiago reza, Vigo traballa, A Coruña divírtese”. Con todas as limitacións propias do seu formato, en boa medida define de xeito bastante aproximado a personalidade colectiva de cada urbe. 
 

A Coruña está case xenéticamente feita para o gozo, que sempre tivo no verán, e desde hai tempo concretamente en agosto, o seu punto forte. Este 2023, volve demostrarse. Resulta importante polo que ten de actividade socio-económica, pero tamén de reafirmación dunha identidade. Aquí, as festas máis populares non dependen dunha configuración relixiosa, non hai santificación sobrenatural á que render pleitesía, os festexos do mes levan o nome dunha señora nacida en Cambre -polo tanto coruñesa ata as cachas- que se enfrentou á armada máis poderosa do mundo e venceu: María Pita. Séculos despois, como xa non hai ingleses aos que derrotar, traémolos a dar grandes concertos. 
 

Este evento 100% civil conleva un excepcional esforzo por parte do Concello, que acompaña así o latexo da súa xente. Quen pense que as festas se tratan dun malgasto, e non dun investimento necesario, está moi lonxe de comprender o carácter coruñés (e a economía da cidade). Porque, insistimos, o verán en A Coruña é identidade. Demostrouse o pasado 1 de agosto, no histórico e masivo pregón de Lionel Scaloni, un acto que encheu a praza de María Pita con todas as facetas do coruñesismo máis feliz: visión 

internacional, emotividade, pertenza, alegría. O que somos. 
 

Por iso as festas tamén son un espectáculo que mira a todo o mundo. Dun xeito, ademais, aferrado ao público, socialdemócrata. Busquen ao noso arredor un festival de música como o Noroeste Estrella Galicia, o maior evento gratuíto no seu ámbito de toda a península. Hainos de pago que fican no cartel, ano tras ano, moi lonxe do que aquí se lle ofrece á xente sen ter que pasar pola billeteira. En 2023, con Primal Scream á cabeza. Vinos en directo hai 21 anos, pagando un boa pasta. Agora é gratis, para todos e nunha contorna tan imbatible como a da praia de Riazor. Así foron, no seu día, os de The Cure, Paul Weller, The Hives ou Tanxugueiras, que o ano pasado protagonizaron un dos concertos máis históricos do xa vello festival. 
 

Pero non é só iso. En María Pita ofrécense concertos de calidade ou en todos os barrios estanse reactivando as súas festas propias, que sufriron na década pasada un triste abandono. E os clásicos crecen. En contra dos anuncios cenizos, o Salón do Cómic non só mantén neste ano a súa prestixiosa programación, senón que engade novas actividades e, por primeira vez, faino da man de todo o sector e talento local. 
 

A Coruña vive na rúa. Difícil atopar unha cidade con tamaña actividade cultural e festiva en verán. A Coruña é un pracer. 

A Coruña en pé de festa

Te puede interesar