Da evocación

As veces á mente se lle da por evadirse, como se saíra dun mesmo e volvera a algunha Ítaca perdida onde un foi feliz.  Un lugar de abrigo e de memoria, un porto refuxio onde sentirse a salvo. Esa sensación vive en cada un dos pobos da nosa infancia. Eses espazos de liberdade, onde os días tiñan máis sol e máis horas, o tempo devalaba máis lento e as obrigas quedaran na cidade agardando o regreso do curso. O pobo tiña esa maxia do minúsculo, coma se todo fora a escala do que coñeciamos. E calquera cousa era unha novidade que todo o mundo repetía. Teño a memoria xunguida aos agostos en Molina –dixen nun verso de Balsaín Blues– un oasis do Bierzo onde todo recende con aromas propios e cunha ponte romana con rio, que os rapaces deixabamos atrás para cruzar á carreira por uns pasales de pedras. Cada vez que pasan imaxes da decadencia do mundo rural, ou do despoboamento destes pobos,  sinto un impacto de evocación poderoso que, de maneira clara e precisa, deixa en min nomes, afectos e memoria dos meus. Resulta curioso como sen vivir alí de maneira continuada, todos conservamos o marchamo de pertenza e compartimos difusión, memorias e aventuras. Os pobos era estruturas equilibradas, pequena unidades de convivencia onde había unha especie de xestión compartida de esforzos e traballos. As familias eran grandes e todo o mundo era familia, nun grao ou noutro. Ir a polas fogazas ao forno, ou a levar a cocer a empanada ou os doces para as festas, eran tarefas que nos daban responsabilidade e importancia. Os pobos tiñan a voz da tradición e dos oficios, e a capacidade de converter as súas rutinas, en elementos básicos do funcionamento do universo. Cando un pobo desaparece, morre unha sociedade e un ecosistema enteiro.


Pensarte ten a humilde fortaleza da nostalxia...

Da evocación

Te puede interesar