Da feira das vaidades

Semellara unha choqueirada máis do Entroido, un mero divertimento, pero é máis real que a crise Ruso-Ucraína. Foi preciso agardar a que remataran as eleccións en Castela-León para que o estoupido interno no PP, acadara dimensións siderais. Non foron os partidos rivais, nin as estrañas alianzas electorais, foron os ataques cruzados entre os propios compañeiros de partido. A guerra feroz e intestina polo poder e o control do PP entre Casado e Ayuso, acabou por facerlles perder os papeis a ambos, e facerse denuncias públicas en rolda de prensa, de corrupcións, malas prácticas, seguimentos ilegais e coaccións, entre outras lindezas. Podería ser divertido senón fóra porque son as máximas autoridades políticas dunha Comunidade e o dirixente último do PP. Máis alá do esperpéntico do episodio, sorprende, entre outras cousas, que Ayuso utilice o termo cobrar comisións do irmán como algo normal, ou que Casado admita coñecer unha situación ilegal dende moitos meses atrás, e non tivera denunciado tales feitos. A guerra aberta está tamén comandada por personaxes secundarios, amplamente bregados nas manobras na sombra, e con manifestas contas pendentes. Miguel Anxo Rodríguez, o ínclito MAR, e Teodoro García Egea, ambos sobrados, pendencieiros e excesivos. Ao máis puro estilo dos soldados de fortuna das novelas de Pérez Reverte, se buscan sen disimulo e non queren deixar feridos. O PP non vai saír limpo deste envite. Eles mesmos acaban de dispararse nos pes; de declararse actores de prácticas non legais, así sen anestesia nin nada, e quedan sen credibilidade e totalmente desautorizados para calquera denuncia, valoración ou condena de políticas, iniciativas ou accións que outros puideran cometer. Algúns non sobrevivirán, politicamente falando, é todo excesivamente escandaloso. Insisto, non hai lume máis devastador nin máis cruel, que o lume amigo.


Pertencerte é como luz que arde en secreto –dixo El– a fondura humilde do que importa. Acaso, unha sentida emoción de eternidade...

Da feira das vaidades

Te puede interesar