Da palabrería

Non me negarán que levamos uns tempos de excesiva verborrea altisonante, irritante e maleducada. E non, non é cuestión de estar en plena campaña electoral. É unha cuestión de fondo e forma, estilo dalgúns grupos políticos que non entenden outra forma de debater, máis que a da manipulación da verdade, a agresividade verbal e o insulto. Hai partidos que non deixan de practicar o exceso, para poder desacreditar ao adversario e minar a confianza do electorado nesas forzas políticas. Son os de sempre. Os que non precisan do público para poder realizarse. Os que non teñen problema en desacreditar a política e que  pensan que xa eles, unha vez no poder, rehabilitarán o valor da xestión pública. E niso, tamén se equivocan. A perda de confianza no de todos, tarda moito en poder ser superado porque, segue a ser verdade aquilo de que, o gato escaldado da auga fría fuxe. Son os mesmos que resucitan o terrorismo en cada campaña electoral. A pesar de saber que foi coa Presidencia de Zapatero e con Rubalcaba no Ministerio do Interior, cando finalmente ETA desapareceu das nosas vidas, eles actúan e falan coma se a situación seguira igual. Cando non hai propostas nin argumentos para contrarrestar a acción dun Goberno, sempre volven ao recursos do medo, a mentira e o apocalipse. E empezan as peticións de ilegalizacións a forzas declaradas legais unha e outra vez. E a botar pulsos poderosos a ver quen é máis  radical e, de paso, esquece falar do que queren facer na Comunidade madrileña, nos Concellos ou no conxunto de España. O exceso de protagonismo, palabrerías e loitas intestinas entre Ayuso e Feijoo conduce ao tirar por elevación para non ser acusado de tibieza. Esqueceron que a Política é a arte de facer felices -e resolver as vidas- aos pobos.


Abrazarte é unha primavera intensa de sentidos...

Da palabrería

Te puede interesar