Das incómodas esperas

Moito se ten escrito sobra a cor e a pelaxe das esperas. Tamén é verdade que nunca se espera da mesma maneira. En calquera caso, esperar é un duro exercicio de resistencia. Por aches ou por bes, acaba converténdose nunha sorte de meditación transcendental que, poucas veces conduce a algún nirvana.


A espera é moitas veces sufrimento, sempre en función das expectativas xeradas, e da paixón e o compromiso postos enriba da mesa para acadar as respostas axeitadas. Pero tamén leva implícita moita dose de esperanza. Recoñezamos que non todos pensamos da mesma forma, nin reaccionamos da mesma maneira, ante un mesmo estímulo. Polo tanto, calquera solución diferente á que nos adoptaríamos, vainos resultar inadecuada e totalmente inxustificable. Especialmente cando o que agardas, segundo a lóxica das cousas, a ordenación de acontecementos e a palabra dada, non acaba de plasmarse na realidade acordada. Non é doado explicar que poucos condicionen a moitos. E menos, que poucos impoñan a totalidade das súas condicións a moitos, cando é sabido que negociar é unha arte que consiste no diálogo entre as partes implicadas, nun debate aberto de posturas e esixencias que, afortunada e finalmente, remata coa cesión de todos para que todos gañen. Xa non queda máis marxe para que os Concellos funcionen en beneficio do pobo. Atender e resolver os problemas da cidadanía é o único importante.  Non se pode estar en misa e repicando. Sería intelixente dar un paso adiante, negociar con dilixencia, e sementar de paso as boas vibracións que toda coalición precisa para poder funcionar. Non se pode estar permanentemente na precariedade nin na eventualidade; nin tampouco traballar para o inglés sen salario nin remuneración algunha. Pasar da incomodidade de todos, a resolver este diálogo de xordos, debera ser un exercicio coral. Pero para iso precisamos que todos os solistas, sen excepción, estean perfectamente afinados.


Tes o valor exponencial das terras prometidas...

 

Das incómodas esperas

Te puede interesar