Na natureza sempre foi entendida a linguaxe da imposición e da ameaza. Pero tamén a do medo. As paixóns, a propiedade, os conflitos étnicos, a humillación e incluso a testosterona, son causas que están na orixe de múltiples conflitos. Ensinar os dentes e manter unha actitude ríxida e inquebrantable, forma parte do proceso de escenificación. Hai quen di que hai diversas formas de ser vítima e de ser verdugo, pero en todo caso non están na mesma situación de vantaxe. Sabemos que sempre hai unha certa dignidade no conflito. Rusia esixe o que se lle prometera a Mijail Gorbachov, o gran creador da Perestroika e tamén, da desaparición da URRSS; e que foi tamén acordado nos tempos de Boris Yeltsin e incluso nos primeiros gobernos de Putin, e non é outra cousa que a non expansión da OTAN polo Este de Europa. Cousa que foi incumprida coas repúblicas Bálticas. Pero para Rusia, Ucraína é un latexo que aínda resoa compasadamente neles, unha paisaxe na que se recoñecen colectivamente. Por iso Ucraína é unha fronteira que non deixarán pisar. Hai países que senten o alento dos seus veciños na súa caluga e tentan afastarse o máximo posible porque, moitas veces, a independencia que proclaman as súas leis, está permanentemente vixiada. Rusia e USA consideran que lles constrúen realidades ameazadoras, pero ambos terán que acordar e crear marcos de cooperación e convivencia. Esta película semella sacada daquela Guerra Fría que vivimos, e lembra a moitos episodios que foron felizmente superados. Non se trata de fomentar guerras, e moito menos de compararse coas fazañas bélicas de Aznar, pero unha vez comprobadas as dentaduras, hai que sentarse a resolver. Non é tempo de Exércitos, tócalle á Diplomacia mover ficha.
Hai unha irmandade secreta coa nostalxia -dixo El- coma latexo incesante. Unha emoción estrutural de santuario onde medra a soidade, xunto á rama silenciosa da oliveira...