Ás veces semellara que as fotografías nos espiaran. Pasamos ao seu lado cada día, e miramos de esguello cara a elas, como para comprobar que seguen aí, na mesma situación e destino. Elas, dende a rutina invariable da súa posición nas repisas e mesas auxiliares, non deixan de observarnos en silencio. Teñen a virtude ( ou o vicio) de conservar intacto o tempo no que iniciabamos as nosas vidas, e faciamos apostas, ilusionados e ansiosos, por construír tempos novos. Á forza de tempo e sol, as cores van esmorecendo e, nalgúns casos, observamos con tristeza como empezan a borrarse aquelas imaxes, que nos fixeron felices. Como se fora un mal presaxio, agochámolas da luz para frear, na medida do posible, o deterioro. Descubrimos que envellecemos en sentido inverso; coa mesma intensidade, pero en dirección contraria. Comprendemos que, o punto de coincidencia no que as nosas vidas se cruzaron, empezan a quedar demasiado lonxe. Circulamos en vidas paralelas. Seguen a manter as voces habitadas que as xustificaron, e lembramos a ocasión, a alegría da celebración e o afecto reflexado nos seus ollos. Incluso, en certas ocasións, semellaran esixir explicacións das oportunidades perdidas, ou da relaxación das intensidades prometidas. Son imaxes que teñen conxelado o tempo nun saúdo, na entrega dun premio o no que fora un riso contaxioso. Cápsulas do tempo que conservan aromas e diálogos e, coma nun proxecto interactivo, desencadea unha descarga sentida de afectos, de historias e desas memorias que nos fixeron felices.
Dalgunha maneira somos a mesma cousa, os mesmos a pesar do tempo transcorrido. Aínda que outras veces, semellaran ser territorios estraños de vidas diferentes.
Teñen esa quietude inquietante da inmobilidade. E a complicidade fonda da tenrura. Compartimos as emocións que teñen, a vixencia eterna de saberte en cada verso, e conservan a medida exacta dos teus bicos. E tes razón, nunca reflexaron a realidade notarial da túa beleza...