Das zonas de sombra

A verdade é a primeira vítima dunha guerra, certamente, pero tamén a ruptura dos equilibrios e das equidistancias das potencias entre si. Hai posicionamentos, distancias diferidas, apostas agochadas e dúbidas timoratas entre dar pasos adiante ou seguir nas zonas de sombra agardando acontecementos. As neutralidades están feitas de interferencias e sombras. Quizás de interpretacións egoístas e de realidades sesgadas, que resultan sempre escoradas cara ao beneficio exclusivo dos asuntos propios. Non hai guerra que non manche o corazón e os sentidos. Nin abusos que nos deixen ao marxe e a salvo das brutalidades que contemplamos cada dia. Lembrando a ortodoxia oficial, sempre houbo opresores e oprimidos, invasores e invadidos e persoas ou grupos que, amparados nunha suposta lexitimidade imposta e autoritaria, actúan impunemente e sen medir as consecuencias últimas dos actos de soberbia que executan. Ameazar con obxectivos nucleares ou insistir en que o peor está por vir, son exemplos da radicalización dun dirixente desnortado, desequilibrado e sen límites. As guerras inxustas son o paradigma absoluto da crueldade innecesaria, dos horrores mais viscerais e gratuítos. A resposta bélica é o último recurso dos pobos ante os ataques inxustificados, a reacción da defensa en desigualdade dos invadidos, ante unha violación flagrante dos seus dereitos e da súa patria. A desmesura é o perigo dos soberbios; pero tamén a xestión das decisións en función do seu ego e dos entornos sen capacidade crítica. Tan só potencias con calibres similares, poden mediar para tratar de establecer cabezas de ponte que traian diálogo e cordura. China está chamada a ter un papel crucial na reorganización dos espazos de relacións xeoestratéxicas. Chamarlle guerra á guerra e non recorrer a eufemismos, xa é un exemplo claro de deixar atrás amplas zonas de sombra.


Hai afectos que teñen a luz emocionada dun poema –dixo El– a dozura lene dun sorriso. Hai viaxes que precisan de silencio... 

Das zonas de sombra

Te puede interesar