Non lles vou dicir a quen teñen que votar. Pero teño o meu voto decididísimo, claro. O caso é que en vez de falar dos nomes nas papeletas, permítanme hoxe referirme ao que está en xogo: a cidade. No meu caso, A Coruña.
As campañas electorais son un festín para aqueles que temos o raro gusto da dialéctica. Poucas veces resulta tan interesante o debuxo que se perfila dunha localidade como nestes días. E os que, dalgún xeito, temos certa responsabilidade no relato da Coruña poñemos moita atención en asuntos que ás veces parecen suxerirse por debaixo do radar, pero en realidade exercen de motor nesa dinámica de choque que é toda urbe.
En realidade, as urnas en moitas ocasións o que resolven é unha definición da cidade, que nos presenta ao exterior e nos delimita cara adentro. Diso apetéceme falar hoxe. E sempre. Da Coruña.
Á Coruña defínea o seu talante liberal e modernista. Nunca foi esta unha capital reaccionaria. A condición de porto internacional converteunos nun punto de encontro receptivo ás vangardas, tanto as políticas como as artísticas. Mentres as outras cidades de Galicia tiñan como eixe central da súa personalidade a loita contra o pecado, aquí se adoraba a liberdade, e tamén o seu fillo máis popular, a diversión.
A Coruña non se define pola delincuencia nin por uns barrios imposibles de vivir. Esta cidade ten os mesmos problemas que outras da súa condición, pero -ao contrario que elas- si fixo bandeira dos seus barrios, todos e cada un deles cun carácter orixinal, xa lle gustaría a Teis ter a metade de temperamento propio de Monte Alto. E as súas bibliotecas ou museos.
Á Coruña defínea o galeguismo aberto. Non atoparán aquí ese xeito desconfiado e limitante que se gastan por outras latitudes. Esta cidade foi -e é- a capital de Galicia. Aquí se soñou este país con vocación internacional, non encirrado en si mesmo. A Galicia que simboliza A Coruña é a do progreso, a da identidade feliz, a da acollida, a próspera e desacomplexada, a que non necesita axitar fumes para espantar o cheiro a pechado.
A Coruña non se define pola especulación inmobiliaria nin pola existencia de supostas mafias que trafican con cartos públicos. Aquí pasan cousas boas -a maioría- e outras malas, como en calquera lado. Pero isto non é a Marbella de Jesús Gil nin nada semellante. Erran gravemente aqueles que, por sectarismo, nos queren concretar só en negativo.
Á Coruña defínea algo do que moi poucas cidades no planeta poden presumir. A maioría dos seus referentes históricos son mulleres. Desde María Pita e Inés de Ben a Emilia Pardo Bazán ou María Casares. Pasando por Isabel Zendal, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Teresa Herrera, María Barbeito, Juana de Vega, María Wonenburger, Rosalía Mera ou as cigarreiras da Palloza. Sen mulleres non hai A Coruña.
En resumo, lembren, A Coruña non se define desde a escuridade, senón desde o faro, co horizonte por diante.