Desatranques Coruña

No mundo das redes sociais ocorren cousas difíciles de entender para os que aínda resisten fóra do seu influxo. Unha das máis simpáticas ten que ver cunha pequena empresa andaluza convertida en lenda dixital: Desatranques Jaen. Cunha política publicitaria que mestura idealismo currela, creatividade autodidacta e moito, moito descaro, un negocio aparentemente brutote dunha cidade sen apenas eco exterior acabou sendo unha fonte de trending topics, que é como se define aquilo que causa furor en internet, ás veces incomprensible fóra dese universo. 
 

Non é fácil alcanzar esa notoriedade en redes, sempre esaxeradas e frívolas. Pero por iso -agardemos que non- tampouco sería raro que un día de estes vexamos unha noticia anunciando o peche de Desatranques Jaen, porque os memes non dan de comer cando a túa dedicación real é a de montar nun camión e acudir a desatascar un enorme sumidoiro. Aí é cando, de verdade, queda claro que o mundo real é bastante máis difícil que o dixital.  Coa política pasa algo semellante. Non serei eu quen recomende a un candidato ausentarse de twitter ou instagram, todo o contrario, pero desde logo sempre cun consello por diante: ese non é o mundo real. 
 

Pero hai catro anos, só catro anos, a actualidade da Coruña xogábase nas redes sociais, onde se coreaban réplicas (os famosos zascas) e abrollaba palabrería sen filtro, que nada, pero nada, tiña que ver co que sentía a maioría dos veciños, cansos dunha urbe sen dinamismo, moi por baixo das súas condicións naturais. Logo, as urnas falaron. Sen chíos. Con claridade. 
 

Neste mandato, twitter perdeu importancia na dinámica municipal. Segue aí, dá que falar un chisco, pero non é o terreo de xogo principal, que volveu situarse nos feitos tanxibles, de onde nunca debera ter saído. E así, da man da alcaldesa Inés Rey, A Coruña  regresou ao mundo físico, e as prioridades paralizadas durante a nefasta década anterior foron desatascándose, por fin. 
 

Había anos que a cidade precisaba un novo hospital público. Neste mandato desbloqueouse, xa está en marcha. 
 

Había anos que a cidade demandaba a construcción da estación intermodal. Neste mandato desbloqueouse, xa está en marcha. Había anos que urxía a conexión ferroviaria co Porto Exterior. Neste mandato desbloqueouse, xa está en marcha. 
 

Había anos que se pedía ampliar e humanizar Alfonso Molina. Neste mandato desbloqueouse, xa está en marcha. 
 

Había anos que a cidade solicitaba un novo mercado en Monte Alto. Neste mandato desbloqueouse, xa está en marcha. 
 

Había anos que a cidade esperaba polo centro deportivo do Castrillón. Neste mandato desbloqueouse, xa está en marcha.
 

Había anos que se esperaba por poder pasear e acudir a eventos culturais no porto. Neste mandato desbloqueouse, xa está en marcha. 
 

E así moitos máis. Todos no mundo real, non no dixital. Aínda que aquí tamén poidamos falar de desatranques, Desatranques Coruña.

Desatranques Coruña

Te puede interesar