Situemos esta reflexión no día que tal función está sinalada no calendario electoral. Velaí, dilema, substantivo masculino, como palabra vinculada á filosofía é razoamento que presenta unha alternativa ou disxunción en que cada un dos membros conducen á mesma conclusión. Véxase a expresión formular un dilema. Con todo, aquí abórdase a outra das opcións: Situación de alguén que se ve forzado a elixir entre dúas solucións, ambas problemáticas. Combínese co adxectivo, eficaz, que é aquelo que dá o resultado esperado. Partamos, dunha teoría que nos sitúa nunha encrucillada estratéxica: O dilema do prisioneiro. É un modelo clásico da teoría de xogos que ilustra a dificultade da cooperación entre dous individuos. Expón unha situación paradoxal na que dous actores, a pesar de ter un interese común en cooperar, terminan actuando en contra de este por un incentivo individual a curto prazo. O dilema do prisioneiro ensínanos que: A cooperación non sempre é o resultado natural da interacción entre individuos. O medo á traizón e a procura dun beneficio individual poden levar a resultados malos para todos. A confianza e a comunicación son esenciais para a cooperación. Este modelo aplícase en diversos campos, desde a economía ata a política internacional, para analizar as dificultades da cooperación e a toma de decisións estratéxicas en contextos onde a confianza é escasa. Agora, o dilema, tratámolo en relación a situación psicolóxica que representa enfrontar a decisión de voto nun proceso electoral na que por identificación e simpatía optaríase por unha determinada alternativa porén esta decisión pode levar a que o grupo beneficiario do voto non materialice este na conquista de representación algunha por non chegar a superar a fronteira mínima que legalmente se esixe para participar no reparto, baixo a ditadura do modelo matemático D´Hont que dificulta a representación das opcións con menos número de apoios. Cando un votante enfróntase á perspectiva de que o a súa opción emotiva non alcanzará a representación parlamentaria, xorden sentimentos de desilusión e desmotivación.
Ademais, desde unha perspectiva práctica, o votante enfróntase ao dilema de se debe ou non exercer o seu dereito ao voto. Algúns poden optar por absterse, convencidos de que o seu voto non marcará ningunha diferenza significativa. Con todo, outros poden decidir votar por outra alternativa próxima que permita asegurar a utilidade da súa papeleta na urna, á procura da eficacia na busca dun obxectivo superior: sentirse parte do futuro goberno.
Cada voto é determinante, ás veces decisivo. Si, abofé.