Ser do Deportivo é moi fácil

Repito o titular, por se pensan que hai unha gralla ou algo así. Ser do Deportivo é moi fácil. Non estou de brincadeira. Sei perfectamente o que estou dicindo. E o que quero expresar. Malia que en apariencia esta afirmación pareza allea a calquera conexión coa realidade branquiazul, só abrindo un pouco o foco poderán entenderme.  Vaiamos aos datos. Permítanme utilizar a miña experiencia persoal. Quen lles fala ten memoria plena das últimas corenta tempadas do Dépor (e recordos soltos dalgunha anterior). Centrémonos nesas catro décadas, de 1983 a 2023. Acabo de repasalas e atopei unha cifra alucinante. De corenta cursos futbolísticos, só en dez o equipo coruñés acabou de xeito tranquilo o ano. E cando digo tranquilo tamén quero dicir aburrido. Por cada campaña desas, hai tres de emocións absolutas, finais de infarto, puro suspense. Polo tanto, o Deportivo é un dos maiores axentes de axitación que existe no planeta fútbol. Tres de cada catro tempadas branquiazuis son unha noria desatada, un reclamo de desfibriladores. Por iso é tan fácil ser dos nosos. Porque producimos emocións de altísimo calibre. Iso é divertido. Difícil será ser do Xetafe, do Racing de Santander ou do Levante, que están aí, pero nunca transmiten nada de tensión ou heroismo. Todo o contrario que o Dépor.Se un director de thrillers fai corenta filmes, e deles trinta pegan á butaca aos espectadores dun xeito salvaxe, estaríamos falando dun dos mestres do sétimo arte. Pois iso é o Dépor pero cunha pelota. O Hitchcock do fútbol. No que moitas veces morre o bo da película, é certo. Pero no xogo de tronos ou matas ou morres. O triste é quedar a velas vir.

 

Porque o que define ao Dépor non é a derrota, quitemos esa idea da cabeza aínda que hoxe custe moito. O que nos especifica son as emocións desmesuradas, xusto o que enche de sentido unha identidade. Nestes últimos corenta anos, once remataron en éxitos descomunais, algúns deles moi por riba do predestinado para un club deste nivel. Pola contra, 19 campañas terminaron con golpe no momento decisivo, malia que non todas foron un fracaso. Non o foi perder a Liga co penalti de Djukic, por cinguirnos ao intre máis dramático posible. Só poderíamos cualificar así a catorce deses cursos. Catorce contra once en catro décadas. Máis compensado do que pode parecer visto desde o de Castellón.

 

Sei que aos rapaces que, de xeito conmovedor, seguen ao Dépor na actualidade e aínda non levaron máis que labazadas todo isto pode parecerlle unha batallita. Éo. Pero que só quere pedirlles que teimen, que volvan dalo todo outra vez, que os veteranos ben sabemos que detrás dos golpes acaba aparecendo a gloria. Chegará. A pesar de directivos que cometen barbaridades como a dos últimos días con Rubén de la Barrera. Chegará o voso momento feliz, tan merecido como os que vivimos os nenos descamisados dos 90. Non o dubidedes. O Dépor sodes vós.

 

Ser do Deportivo é moi fácil

Te puede interesar