Que é iso da cultura?

Máis ou menos por estas datas, pero do ano que vén, será o 40 aniversario dun dos artigos de prensa máis famosos da nosa historia recente. Firmouno o escritor Rafael Sánchez Ferlosio no diario El País, e o seu título fixo fortuna como frase á que recorrer: “La Cultura, ese invento del Gobierno”. Lembreime del estas semanas, cando a actualidade, por diversas razóns, fíxome pensar moito na cuestión cultural, sexa o que sexa iso.


Segundo o diccionario da Real Academia Galega, cultura é o “conxunto de coñecementos xerais que posúe unha persoa, adquiridos mediante a instrución ou a experiencia”, e tamén o “conxunto de coñecementos, crenzas e costumes que caracterizan as sociedades humanas organizadas, particularmente as máis avanzadas”. A verdade é que está moi ben resumido, porque noutros diccionarios complícanse algo máis as cousas. Polo tanto, segundo esa definición o goberno que tanto molestaba a Sánchez Ferlosio, non é o principal protagonista. Pero, desde logo, debe desenvolver un importante papel. Dous feitos do último mes teñen relación con isto do que lles falo. O nomeamento dun novo ministro do ramo e a constitución, na cidade da Coruña, do Consello Municipal da Cultura.


Tal e como o definiu a alcaldesa Inés Rey, o Consello trátase dun órgano de participación para darlle “especial protección ao sector cultural”, ao reunir nun mesmo espazo representantes das diferentes entidades e o tecido asociativo da urbe coas institucións implicadas no seu desenrolo. Está ben que así se faga. Se todos somos cultura, e esta se dirixe á totalidade, é bo que se traballe en común. Desde logo, con iniciativas así -e moitísimas outras- o Concello cumpre coa encomenda referida ao servizo público, a que lle corresponde. Con diálogo e investimentos, que en realidade é o principal.


Pola contra, o novo ministro de Cultura, Ernest Urtasun -dos Comúns, aliados de Sumar- amosou nos seus primeiros pasos -que non sempre son fáciles- unha concepción máis abstracta da Cultura, que en demasiadas ocasións é a que prima na esquerda da esquerda con perfil universitario, non sempre centrada na xestión concreta, no día a día, e si nos marcos intelectuais. Como ese que afirma que a Cultura é o “antídoto da barbarie”, como se a barbarie colectiva non fose, precisamente, un feito cultural. Estando ben, non vai diso a cousa pública. Non necesitamos un ministerio de evanxelizacion, senón respecto á diversidade, ambición e, sobre todo, asumir que estamos ante unha industria, que traballa con palabras, notas ou imaxes como outras fano con martelos, nasas ou computadoras.


Centrará Urtasun o seu mandato na faceta industrial? Ou dedicarase á moralina? Esperemos que haxa máis do primeiro, porque desde unha visión socialdemocráta clásica, a Cultura necesita a colaboración do Goberno, pero non pode ser o seu invento.

 

Que é iso da cultura?

Te puede interesar