En política o verbo gañar é manexable. E ben, porque grazas ao sistema electoral que temos a vitoria dun partido ten que sosterse nunha maioría que lle dea apoio, o que concede credibilidade en termos democráticos. Por iso é seguro que Alberto Núñez Feijóo non vai ser desta vez presidente do goberno, pero é posible –malia as dificultades– que siga séndoo Pedro Sánchez, algo que semellaba case imposible só unha semana antes da cita coas urnas, nun novo capítulo do manual de resistencia dunha figura moi notable, de eficacia e logros moi superiores á caricatura que lle endiñaron.
Polo tanto, o PP gañou e á vez perdeu as eleccións, e o PSOE perdeu e gañou simultáneamente. Con todo, no cómputo global, a sensación é clara: a vitoria é para a esquerda, entendida esta en clave plurinacional, porque se algo ficou claro este 23X é que o Estado español é moi diverso, non se pode reducir a unha burbulla, sexa madrileña ou galega. O que nestas comunidades parece evidente igual non o é tanto dentro delas, e, desde logo, pode ser todo o contrario en Euskadi ou Cataluña.
A dereita española ten un problema con Madrid. É tal o nivel de poder e emisión de decibelios do que alí dispón que os seus líderes quedan atrapados no volcán e confunden a capital de España coa plural España. Non son o mesmo.
Pola súa parte, Feijóo tamén pensou que certos costumes que adoptou en Galicia podían servirlle nunhas eleccións xerais. E non. A esquerda estatal de 2023 non ten nada que ver coa esquerda galega de 2009, cando o dos Peares alcanzou a Xunta. Por exemplo, mentres aquí sectores de esquerda organizaban manifestacións en contra do goberno de PSOE e BNG (Galiza non se Vende, CIG) ou certa intelectualidade alimentaba o sentimento de decepción con ese executivo desde o habitual postureo, no Estado en 2023 produciuse unha enorme mobilización do músculo civil progresista para apoiar as políticas e a continuidade do actual goberno.
Tampouco lle funcionou a Feijóo a pretensión de facer ver na derradeira semana de campaña que xa estaba todo decidido. Iso podía valerlle nas autonómicas (que se xogan nun marco conservador) pero non nas xerais, onde en Galicia as esquerdas gañaron en porxentaxe de votos, non así en deputados. Porque aquí temos un auto-goberno en parte despolitizado e sentimental, o que explica que os éxitos do progresismo galego en municipais e estatais non se repliquen nas “galegas”.
Pero non perdeu Feijóo. Resistiu o goberno de coalición porque fixo unha gran política económica -espectaculares datos de emprego- e, tamén, porque no debate a tres -ao que Feijóo faltou- Yolanda Díaz e Pedro Sánchez fixeron ver que son capaces de entenderse desde as diferenzas, non se pegaron un tiro no pé coas teorías queer e, sobre todo, evidenciaron que o ruído adolescente de Podemos xa non terá espazo na nova etapa. Por iso gañaron. Ou non pero si. En fin, xa me entenden.