Desde que no ano 2014 o Ministerio de Hacienda mide mes a mes o cumprimento de todas administracións nos tempos de pago a proveedores, empezaron a aflorar datos que puxeron de relevo un problema. Máis alá das regras de gasto impostas durante a anterior crise -un corsé que afogou máis a economía- o certo é que os datos de pago medio a proveedores evidenciaron algo, con datos, que xa se sabía: que as Administracións eran malas pagadoras.
Pagaban, en xeral, tarde. Todas as Administracións suscriben contratos, milleiros deles, con empresas. Subministros, materiais, servizos... Mais a diferenza dos criterios xeralizados no sector privado, o público non era áxil á hora de pagar. Esa falta de axilidade traducíase, ao final, nunha merma de liquidez para as compañías que contrataban coa Administración, e supoñía tamén, de feito, que moitas pequenas e medianas empresas sen músculo suficiente para agardar meses por unha factura, tiveran pechadas as portas do sector público. A norma estatal fixa un máximo de 30 días de media no pago de facturas.
Desde o ano 2014 o Concello da Coruña xamais cumpriu ese estándar nun ano natural enteiro. Ata agora. O ano 2021 foi o primeiro exercicio no que, desde xaneiro a decembro, cumpriuse sempre. Non foi algo improvisado, xa no 2020, malia pandemia e os seus peches, o Concello cumpriu sempre salvo, por moi pouco, en dous meses. Tamén era un récord. Os cambios estruturais acometidos no servizo de Contratación en novembro do 2019 deron, con rapidez, os seus froitos. Os números son fríos e, en xeral, non acadan grandes titulares, mais os números son tamén o mellor indicador, por incontestable, da eficacia ou ineficacia.
O período medio de pago a proveedores evidencia que o Concello da Coruña é hoxe unha Administración eficaz e capaz, que cumpre cos seus compromisos e resolve con axilidade as súas obrigas. Non é un tema menor nun mundo administrativamente complexo e no que moitos cidadáns cuestionan a capacidade de resposta inmediata dos entes públicos. Detrás da eficacia demostrada na Coruña hai persoas capaces e comprometidas coa vocación de servizo público que se espera de quen traballa na Administración.
Ese compromiso é esencial para contar coa confianza dos cidadáns. Non sempre é sinxelo ser áxil en organismos sometidos a longos trámites, mais o feito de que sexa difícil e complexo ten que ser un acicate para que quen se dedica á xestión busque as fórmulas precisas para encauzar o traballo.
A contratación, ao final, é a materia que engraxa o funcionamento das Administracións, e unha máquina ben engraxada resulta sempre máis fiable e duradeira que outra que descoide tal aspecto. Ao final, do que se trata é de resolver problemas, non de crealos. E con iso estamos comprometidos na Coruña. O pago a proveedores é outro indicador máis que demostra ese compromiso do goberno de Inés Rey.