Ogoberno central acaba de aprobar un paquete de medidas de aforro e eficiencia enerxética co obxectivo de reducir o consumo enerxético seguindo as recomendacións da Unión Europea.
Son medidas urxentes para facer fronte a unha situación concreta derivada da guerra de Ucraína mais resulta evidente que a necesidade de reducir o consumo enerxético e apostar por fontes de enerxía renovables non é conxuntural.
O conflito bélico puxo de manifesto o que xa sabiamos, que resulta imprescindible que todos, e as administracións as primeiras, sexamos conscientes e tomemos medidas para reducir a nosa dependencia enerxética.
No Concello da Coruña tiñámolo claro e por iso levamos tres anos traballando nesa dirección apostando pola renovación total do sistema de alumeado da cidade cunha ambiciosa intervención de 30 millóns de euros, financiada principalmente con Fondos FEDER a través do IDAE. Unha actuación, xa en execución, que permitirá que o Concello acometa en todos os barrios da cidade a substitución das lámpadas obsoletas por dispositivos de última xeración e tecnoloxía led, regulados por tramos horarios.
En total, renovaranse 21.000 puntos de luz que permitirán evitar que case 9.000 toneladas de dióxido de carbono cheguen á atmosfera cada ano, cun dobre obxectivo: mellorar a calidade lumínica da cidade; e, en paralelo, acometer un aforro enerxético en sintonía coas medidas aprobadas polo Consello de Ministros.
Mais tamén acometeremos a renovación interior de toda a iluminación dos edificios públicos e por iso estamos poñendo en marcha a contratación de auditorías enerxéticas de todos os edificios municipais, co obxectivo de proceder á licitación da renovación de todas as luminarias interiores das instalacións municipais.
Ditas auditorías analizarán o actual consumo de enerxía, e as potencialidades de aforro de enerxía, así como os derivados aforros de custos enerxéticos, os investimentos necesarios, e os períodos de recuperación dos devanditos investimentos, incluídas as posibles achegas enerxéticas con fontes renovables como fotovoltaica ou similares.
É necesario tomar medidas e facelo xa non son para atender a urxencia actual senón para prepararnos para un futuro no que a eficiencia enerxética xa non será unha opción.