O Día Internacional para a Abolición da Escravitude, conmemorado este 2 de decembro, convídanos a reflexionar sobre unha realidade que persiste en formas contemporáneas, coas dinámicas globais e tecnolóxicas do século XXI. Desde a perspectiva sociolóxica, a escravitude moderna abrangue o traballo forzado, explotación laboral extrema, tráfico de persoas ou servidume por débeda, prácticas que afectan millóns de persoas en todo o mundo, sen que o noso espazo territorial fique alleo.
No conxunto estatal e tamén nunha Galiza que no pasado viu como as súas xentes eran forzadas a emigrar, a explotación laboral segue presente, agora a través de traballos precarios, salarios baixos e a falta de dereitos laborais plenos. A globalización do neoliberalismo e a tecnoloxía contribuíron a un escenario no que se normalizan condicións indignas baixo o pretexto da competitividade económica. Un fenómeno analizado desde a teoría do capitalismo global, de Leslie Sklair, que sinala como as elites transnacionais perpetúan desigualdades mediante o control de mercados, tecnoloxías e institucións globais. Si, polos amos do mundo. Os que cortan o bacallau.
A tecnoloxía é un arma de dobre fío. Dunha beira, promete emancipación con melloras na eficiencia e na conectividade. Ao tempo convértese nunha ferramenta de control e explotación. O caso dos traballadores das plataformas dixitais de reparto é paradigmático: persoas que traballan horas interminables sen contrato, expostas ao capricho dos algoritmos que rexen os seus ingresos. As empresas dixitais crean unha “autonomía ficticia”, que para Guy Standing, no seu concepto de precariedade, rebaixa a condición do traballador a un nivel de total inseguridade económica e social.
Polo mundo adiante, a tecnoloxía tamén sostén redes de explotación máis evidentes, como os recursos da minaría en países africanos ou as fábricas de tecnoloxía en Asia, que abastecen a demanda de dispositivos móbiles e ordenadores en Occidente. Así, o consumo tecnolóxico dos países enriquecidos perpetúa formas modernas de escravitude en países empobrecidos. No ámbito peninsular, os fluxos migratorios son outro espazo onde a escravitude moderna se manifesta. Miles de persoas migrantes traballan en condicións semellantes á servidume, sen papeis e suxeitas á explotación en sectores como a agricultura intensiva. E moitas máis situacións que non cabe contar.
A nivel político, os Estados e as institucións internacionais deben crear, sen demora, marcos legais e mecanismos de inspección máis robustos que combatan estas formas de explotación. Pero a solución tamén pasa por un cambio cultural que cuestione o modelo consumista e a tecnoloxía como fin último, dirixíndonos cara un sistema que respecte a dignidade humana e os dereitos laborais.
A escravitude moderna, lonxe de ser un vestixio do pasado, forma parte dun sistema económico e tecnolóxico perverso que explota aos máis vulnerables. Como sociedade, imponse o deber ético de recoñecer esta realidade e actuar para transformala. Porque, no fondo, a verdadeira emancipación tecnolóxica só será posible cando sirva á liberdade humana e non á súa explotación. É de xustiza.