Non son partidario de valorar as desavinzas internas de outras formacións políticas, mais hai ocasións, cando determinadas circunstancias afectan aos intereses xerais, nas que non é sinxelo mirar cara a outro lado. O Partido Popular vén de demostrar o carácter reflexivo do verbo “ensañar”. Máis alá da imaxe pouco edificante de contemplar un duelo goyesco entre dous destacados dirixentes desa formación, a crise aberta no PP xa está a ter consecuencias negativas para o país. Para empezar porque a autodemolición do principal partido da oposición -o único que, co Partido Socialista, gobernou nas últimas décadas en España- incide nunha maior desafección política entre a cidadanía e fomenta o auxe de forzas ata agora minoritarias que levan no seu ADN a quebra da convivencia pacífica e das políticas baseadas no diálogo. Nunha época difícil no ámbito internacional, marcada pola pandemia e os seus efectos, pola nova inestabilidade nas fronteiras europeas e por un auxe da extrema dereita no vello continente -tamén en España-, os partidos que gobernan ou que aspiran a facelo teñen que amosar unha conducta exemplar e contribuír a mellorar a convivencia, e non a dar mostras de todo o contrario. O derrubamento do Partido Popular non é só un problema interno. Porque os cidadáns dificilmente van confiar nunha formación que cruza acusacións tan graves como as que estamos a escoitar estes días. E non o van facer porque a guerra pública de Ayusos e Casados pon de manifesto que quen tiña que estar dedicando todos os seus esforzos á mellora deste país, ao final ten outras prioridades. Quen aspira a gobernar ten que contribuír á dar estabilidade e a construír un futuro esperanzador, ten que ser exemplo para a cidadanía e ten que ser quen de poñer ao país por diante de calquera outra consideración. O espectáculo ofrecido incide precisamente en todo o contrario. O Partido Popular ten que decidir si quere ser parte da solución ou prefire converterse nun problema máis. Sería positivo para o país que volvera á senda da responsabilidade e que traballara, dentro das lexítimas diferenzas políticas, por defender un modelo de país. Hoxe só están a avivar un pánico innecesario entre o seu electorado, abrindo a porta a unha perigosa espantada cara outras formacións que son xa determinantes, tamén por obra e graza do PP, en comunidades como Castilla y León. Quen se dedica ao público ten que facelo cun sentido da responsabilidade especial, sabendo que o público ten que estar por riba de calquera outra cuestión, tamén dun mesmo e dos seus intereses persoais. Actuar nun sentido contrario non só debilita a quen así o fai, senón tamén ao sistema democrático que sustenta a gobernabilidade deste país.